Agroma Sober denuncia o estado da LU-P-5901 entre Sober e Canaval

Agroma Sober – Interior Galego Vivo denuncia o estado da vía provincial Sober- Canaval (LU-P-5901), que presenta “dende hai anos problemas estruturais de deterioro do firme, agravados polo paso de maquinaria pesada da obra de ADIF na estación de Canaval”.
Lembran que no pleno municipal de xaneiro solicitaron ao Concello que pedise á Deputación solucións provisionais mentres non se arranxa definitivamente, e que ADIF arranxou recentemente o tramo dende o centro de Canaval ata ponte sobre a vía, “pois comprometérase a arranxar a estrada cando remataran as obras”. Porén, “tal e como avanzou o alcalde, todo apunta a que o resto da estrada ata Sober, a máis estragada, vai continuar deteriorada, pois ADIF non a vai arranxar e non existen obras provinciais previstas”.
O tramo máis estragado da estrada, explican, atópase á altura de Sistín do Mato, pola escorrentía de augas dende a ladeira contigua. Por iso, dende Agroma Sober solicitan un proxecto de mellora da estrada LU-P-5901 (Sober-Canaval) que contemple unha solución estrutural para este tramo inundable á altura de Sistín do Mato.
“Sabemos que estes días estaba persoal da Deputación vendo este punto, mais non coñecemos se se vai facer algo nin cando”, explican. Ademais, amosan a súa preocupación pola inminente celebración da Feira do Viño de Amandi. “Estamos a unha semana da Feira do Viño e ese tramo é perigoso, podendo provocar rebentóns de rodas. Nin sequera ten sinais de perigo específicas no punto máis problemático e, co aumento do tránsito pola feira, pode haber problemas viarios”, advirten, insistindo en que “é intolerable ter chegado a este punto a menos dunha semana da Feira do Viño”. Por iso, piden unha solución urxente ao fin de evitar problemas para os usuarios da vía.