A Deputación adxudica as obras de mellora da estrada LU-P-1005 en Carballedo

A Deputación vén de adxudicar á empresa Obras e Saneamentos Galicia SL o contrato para executar as obras de mellora da estrada LU-P-1005, no concello de Carballedo.
A intervención conta cun orzamento de 149.046,57 euros e abranguerá todo o trazado da vía, dende o seu inicio ata o punto quilométrico 5,693.
Este tramo conecta as parroquias de Cartelos e Furco, dende o lugar de Trasar ata Rañadoiro, no límite coa provincia de Ourense. Ademais, o proxecto inclúe a mellora de aproximadamente 500 metros do ramal que enlaza esta estrada con Trasar de Sabugueiro, na parroquia de Buciños.
As actuacións previstas inclúen a reapertura de cunetas, a reparación de afundimentos na vía e a repavimentación completa do firme. O prazo de execución será de tres meses a partir do inicio dos traballos.