Actuacións de distintos estilos musicais encherán Bóveda o 22 e 23 de xullo

RibeiraSacraXa
Numerosas actuacións de distintos estilos musicais encherán o municipio Bóveda os próximos 22 e 23 de xullo
fentos festa portada scaled
17 Jul 2022

O Concello de Bóveda organiza a 1ª Fentos Festa na Filgueira, unha mostra de música afeccionada da Ribeira Sacra que terá lugar o 22 e 23 deste mes.

Esta primeira edición contará con Coolflanders, Untides, as Pandereteiras de Bóveda, a Coral Polifónica Municipal de Bóveda, a Banda de Sober e un obradoiro de percusión en lata de pemento

O Concello de Bóveda pon en marcha a 1ª Fentos Festa na Filgueira, a primeira mostra de formacións musicais de carácter afeccionado da comarca da Ribeira Sacra e de diferentes estilos musicais actuais que se celebrará o 22 e o 23 de xullo na praza da Filgueira de Bóveda en horario de tarde-noite.

'Esta iniciativa nace co obxectivo de amosar o que se está a facer hoxe en día no eido da música afeccionada nesta parte da xeografía galega', apunta o alcalde, José Manuel Arias. Concretamente, nesta primeira edición, 'a mostra inclúe grupos de soul, de metal/deathcore, pandereteiras, unha banda de música e unha coral polifónica. Todos relacionados, dun xeito ou doutro, coa música do noso Concello'. Tamén se desenvolverá un obradoiro de formación musical.

Programación

As Pandereteiras de Bóveda serán as primeiras en poñer música á 1ª Fentos Festa na Filgueira o venres 22 de xullo a partir das 21:00 horas. A partir das 22:30 horas está prevista a actuación do grupo Coolflanders e ás 00:00 horas, serán Untides os encargados de clausurar a xornada. O venres 22 tamén se haberá un obradoiro de percusión en lata de pemento, a partir das 19:30 horas.

O sábado 23 actuarán na praza da Filgueira a Coral Polifónica Municipal de Bóveda ás 20:30 horas e a Bande de Sober ás 22:00 horas.

Todas as actuacións serán abertas ao público en xeral e de carácter gratuíto.

0.16711688041687