Aberto o prazo para solicitar as axudas a libros de texto e material escolar no Concello de Monforte

O Concello de Monforte ten aberto o prazo de solicitude das axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario correspondentes ao curso escolar 2025/2026. Todas as persoas interesadas poden presentar xa a súa solicitude.
Para financiar estas subvencións, o Concello destina un crédito máximo de 30.000 euros, tras a decisión do alcalde de incrementar en 5.000 euros a contía con respecto ao ano pasado. O obxectivo é apoiar ás familias con menor renda per cápita do municipio, que atopan maiores dificultades económicas para facer fronte ao custo derivado do inicio do curso escolar. Así o destacou o alcalde, quen incidiu na importancia de garantir a igualdade de oportunidades no acceso á educación.
As solicitudes poden presentarse ata o mércores 9 de xullo. Para facelo, é necesario cubrir o formulario normalizado e achegar a documentación requirida segundo as bases da convocatoria. Toda esta documentación poderá entregarse tanto no Rexistro dos Servizos Sociais Comunitarios Básicos, situado na secretaría do Centro Cívico Social no Paseo do Malecón, como no Rexistro Xeral do Concello, no Campo de San Antonio. Tamén se poderá realizar a tramitación a través da Sede Electrónica municipal, dispoñible na web www.sede.monfortedelemos.es.
Esta convocatoria ten como finalidade regular a concesión de axudas destinadas ao alumnado empadroado en Monforte e matriculado para o curso 2025/2026 nos niveis de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria ou educación especial, en centros docentes públicos ou concertados do municipio.