Aberto o prazo para inscribirse na Feira do Viño de Quiroga

RibeiraSacraXa
A comisión da Feira do Viño de Quiroga continúa a traballar na parte festiva deste evento coas miras postas no 24 e 25 de xullo.
quiroga exposición viños
6 Maio 2021

A comisión encargada de organizar a Feira do Viño de Quiroga continúa a traballar na parte festiva deste evento coas miras postas no 24 e 25 de xullo.

Este ano dada a situación sanitaria decidiuse que a Feira do Viño teña dúas partes. A primeira parte, a máis cultural e de homenaxe aos colleiteiros participantes nesta feira que se celebra dende hai corenta anos, levouse a cabo en Semana Santa (a súa data habitual), baixo o nome de “Lembranzas da Feira do Viño”. Agora trabállase na segunda parte que sería a máis festiva, na que se levaría o viño.

Esta festa non vai ser evidentemente como sempre. Estará marcada por unhas condicións sanitarias e terá que estar baixo unhas restricións que fai que se traballe nunha festa alternativa, na que posiblemente se modifique o seu lugar habitual para poder limitar o aforo.

Mentres a comisión organizadora traballa neste plan, estanse a fixar as condicións que terán que cumprir os colleiteiros que queiran participar nesta edición. Como en anos anteriores os requisitos serán ter unha cantidade mínima de 200 botellas de viño branco e 250 de tinto para levar á feira e ter como mínimo esa mesma cantidade na adega. En canto á graduación alcohólica esixirase un mínimo de 12 º para o viño branco e 11’5º para o tinto; ademais dunha acidez volátil máxima de 0’5 gr acético/litro para os brancos e de 0’6 para os tintos.

Os colleiteiros interesados en participar nesta XXXIX edición da Feira do Viño de Quiroga terán de prazo ata o día 14 de maio para realizar a súa inscrición na casa consistorial.

Cabe recordar que esta será a primeira vez que concorran a esta Feira do Viño as adegas profesionais. Ata o de agora sempre acolleu a colleiteiros de viño tradicional. Nesta edición será a primeira vez que se xunte o viño tradicional co viño das adegas industriais da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

Agora, en palabras do alcalde de Quiroga, trabállase nun plan B, en función do que permitan realizar as restricións sanitarias que haxa neses momentos, “non poderá ser como sempre pero a festa da Feira do Viño estará aí”.

quiroga exposición viños2
0.37082386016846