A Xunta anuncia melloras en varios tramos da LU-611 entre Taboada con Rubián

RibeiraSacraXa
As actuacións teñen previso comezar unha vez que melloren as condicións meteorolóxicas
reunion-arias-roi-rigueira
12 Jan 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo hoxe unha reunión co alcalde de Taboada, Roi Rigueira, na que abordaron distintos asuntos de interese para o municipio, relacionados principalmente coas infraestruturas viarias e as políticas de vivenda.

Durante o encontro, Arias informou de que a Xunta levará a cabo actuacións de conservación e mellora do firme en varios tramos da estrada autonómica LU-611, vía que une Taboada con Rubián, no concello de Bóveda. Estas intervencións executaranse a través do contrato de mantemento das estradas da zona sur da provincia de Lugo e está previsto que comecen unha vez que melloren as condicións meteorolóxicas.

No ámbito da vivenda, o delegado territorial adiantou a próxima publicación da convocatoria anual de axudas dirixidas a pequenos e medianos concellos para a rehabilitación de inmobles de titularidade municipal actualmente en desuso, co obxectivo de destinalos a alugueiro social. Nesta nova edición incrementarase nun 30% o importe máximo das axudas por vivenda, que poderá acadar ata os 65.000 euros con carácter xeral, e ata os 68.000 euros nas zonas Rexurbe e nas áreas de rehabilitación vinculadas ao Camiño de Santiago e á Ribeira Sacra. A Xunta poderá subvencionar ata o 95% dos custos das actuacións.

A reunión serviu tamén para tratar as liñas de colaboración da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes destinadas á recuperación de inmobles para uso social. Neste senso, Arias lembrou a existencia dunha orde anual de axudas para apoiar ás asociacións veciñais no acondicionamento dos locais nos que desenvolven a súa actividade. Na pasada convocatoria, 72 entidades da provincia de Lugo resultaron beneficiarias, cun investimento total de 653.200 euros, entre as que se atopan dúas asociacións do concello de Taboada: San Blas de Tuiriz e Castro Celta.

⚙ Configurar cookies
0.077898025512695