A veciñanza de Quiroga volverá a subirse ao Autobús do Teatro da man do Centro Dramático Galego

RibeiraSacraXa
Nesta ocasión, os participantes viaxarán a Santiago o 20 de marzo para asistir á representación ‘A burra, a mesa e o pau’
a-burra-a-mesa-e-o-pau-teatro
11 Mar 2025

O Programa de Mobilidade do Centro Dramático Galego, que traslada autobuses aos diferentes municipios galegos para achegar aos seus veciños ás representacións teatrais que se desenvolven no Salón Teatro de Santiago, pasará por Quiroga o vindeiro 20 de marzo.
As persoas participantes viaxarán a Santiago de Compostela para asistir á representación ‘A burra, a mesa e o pau’, para o que haberá que inscribirse previamente de forma presencial nas oficinas do Concello ou ben a través do teléfono 982 435 125. A actividade sairá ás 14.30 horas da Casa da Cultura e regresará de Santiago ás 18.00 horas.

‘A burra, a mesa e o pau’ é a primeira produción propia da tempada 2024-2025 do Centro Dramático Galego. Con dirección e dramaturxia de Lorena Conde, o elenco está formado por 15 intérpretes: Xúlio Abonjo, Maika Aguado, Beatriz Barcia, Xosé Manuel Esperante, Andrés Giráldez, Alixa Ladson, Roberto Leal, Mario López, Pablo Loureiro, Carla Mojón, Grial Montes, Paloma Otero, Paulo Serantes, Nelu Vermouth e Arantza Villar, quen darán vida sobre as táboas a esta nova proposta que, en palabras da súa directora, preséntase como “o conto de fadas dunha familia obreira galega naqueles tempos nos que era máis doado crerlles os contos ás avoas ca as promesas aos patróns”.

Lorena Conde está acompañada, ademais, por María Torres Piñeiro, Carmen Casal, Montse Piñeiro e José Faro nos deseños da escenografía, iluminación, vestiario e videocreación; Amparo Martínez na coreografía; Esther Quintás na perruquería e caracterización. A música está asinada por Cibrán Seixo e Inés Salvado Gontad, quen desenvolve tamén a asistencia de dirección.

Segundo a súa directora, o proxecto de ‘A burra, a mesa e o pau’ parte da premisa de como para as persoas que viven na corda frouxa, nos límites da pobreza, “o azar, a casualidade, os eventos máxicos resultan unha vía de escape altamente atractiva para poder evadirse das dificultades reais”.

Neste sentido, o espectáculo traza unha liña pasando por tres puntos: “unha vida de esforzos, unha esperanza inxenua e invencible en solucións máxicas e a loita obreira”.

⚙ Configurar cookies
0.18293809890747