A tempada de teatro de Monforte comeza este xoves coa representación ‘As gardiás’
O teatro regresa a Monforte da man da compañía Ningures Produción, que levará a a súa función ‘As gardiás’ ao escenario do Multiusos. Trátase dunha obra para adultos dirixida por Cristina Domínguez e interpretada por Casilda Alfaro, Melania Cruz, Amparo Martínez, Rebeca Montero e Sonia Rúa.
A representación será ás 20.15 horas e o prezo da entrada xeral será de cinco euros, mentres que os desempregados, xubilidados e estudantes terán desconto e poderán acceder por un prezo de tres euros.
Sinopse
As Gardiás, ou o dereito a decidir como xestionar a nosa propia vellez. O humilde piso de Rosa, nun vello edificio no corazón dun barrio popular dunha vila obreira, é o refuxio acolledor dunha tribo de catro mulleres maiores organizadas. Rosa (que se topa nunha cadeira de rodas) e as súas compañeiras, Ana, Marga e Susana, son operarias xubiladas da industria téxtil, e están decididas a preservar a súa independencia.
Cando a filla de Rosa, Vitoria, propón trasladala a unha institución médica e vender o apartamento, comeza unha loita entre dúas visións do ben envellecer. Enfrontadas ás decisións de Vitoria, as vellas mulleres defenden o seu dereito a vivir xuntas e en liberdade e artellan unha serie de estratexias para convencer a Vitoria de que a súa é a postura mellor.
Próxima función
A seguinte obra do ciclo de teatro para adultos programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte será Neura da compañía De Ste Xeito Produción que terá lugar o xoves 13 de febreiro no Edificio Multiusos ás 20:15 horas, sendo o prezo da entrada xeral de cinco euros e de tres euros para estudantes, desempregados e xubilados.