A reforma da residencia de Manzaneda encara a súa recta final

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e o alcalde de Manzaneda, Pedo Yáñez, mantiveron esta semana un encontro para comprobar o estado das obras de reforma da residencia municipal para persoas maiores, unha actuación que se atopa xa na súa fase final. O proxecto está financiado pola Xunta con máis de 300.000 euros a través do Plan de Investimentos autonómico.
Esta intervención ten como obxectivo mellorar de maneira integral as instalacións do centro, incidindo especialmente na seguridade, a accesibilidade e a eficiencia enerxética. Entre as actuacións realizadas inclúense a renovación do sistema térmico, a actualización da instalación eléctrica vinculada ao ascensor, así como a remodelación da área de enfermería e das habitacións.
Fabiola García subliñou que esta iniciativa forma parte da aposta do Goberno galego por reforzar os servizos de proximidade destinados ás persoas maiores, destacando que “responde ao compromiso do Executivo autonómico de seguir reforzando a rede de recursos de proximidade”. Neste sentido, lembrou que o Plan de Investimentos permitirá a creación de 650 novas prazas públicas en residencias e centros de día en arredor de vinte concellos, cun orzamento global de 18,5 millóns de euros procedentes dos fondos europeos NextGenerationEU e en colaboración coa Fegamp.
Durante a xuntanza tamén se abordou a cesión ao Concello dun inmoble construído pola Xunta que inicialmente estaba destinado a centro de día, pero que non chegou a entrar en funcionamento. Situado na mesma parcela que a residencia, este espazo poderá empregarse para complementar os servizos actuais e incluso facilitar unha futura ampliación de prazas, unha posibilidade que será estudada de maneira conxunta entre ambas administracións.
Por outra banda, a conselleira informou ao rexedor de que o Concello de Manzaneda poderá beneficiarse do incremento da financiación autonómica para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Grazas ao acordo entre a Xunta e a Fegamp, o municipio poderá recibir preto de 350.000 euros ao longo dos próximos tres anos.