A proposta cultural A Paisaxe do Camiño de Inverno está en Monforte
Apoiase a proposta cultural itinerante A paisaxe do Camiño de Inverno, que promove o fotógrafo Adolfo Enríquez e botou a andar no día de onte no Parador de Monforte de Lemos.
Así mesmo, achéganse 21.000 euros a través do programa O teu Xacobeo a este proxecto que comprende, baixo un título común, un libro fotográfico, exposicións e faladoiros que se celebrarán tamén en Lalín, Quiroga, Rodeiro e A Rúa.
O libro é accesible de forma gratuíta na web do proxecto e recolle imaxes tomadas en distintos puntos da ruta polo propio Enríquez, un dos fotógrafos galegos con maior proxección nacional e internacional, que conta con sete premios nacionais LUX e dúas candidaturas aos Goya, entre outros recoñecementos.
Nos faladoiros intervirán, xunto ao autor, algunhas das persoas que colaboraron na iniciativa; esta tarde en Monforte participan José Taboada, presidente do Colexio Profesional de Xeógrafos de Galicia, e Aida Menéndez, presidenta da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra. Un encontro similar terá lugar o 19 de agosto en Quiroga.
No que respecta ás exposicións fotográficas, poderán visitarse en Monforte ata o 18 de agosto; en Lalín do 17 ao 24 de agosto; en Quiroga do 19 ao 26 de agosto; en Rodeiro do 24 ao 31; e na Rúa dende o 3 ao 10 de setembro.