A primeira saída pola ruta 'Quiroga, territorio literario' será o 1 de outubro
O Concello de Quiroga organiza o primeiro roteiro literario pola ruta Quiroga, territorio literario, o domingo día 1 de outubro.
A ruta que ten un recorrido de 10 km farase andando e contarase cos profesores e escritores Celia Díaz e Xosé Estevez como relatores. Tamén se contará coa música de Xavier Blanco, da fundación Legar e coas voces dos alumnos do CEIP e do IES de Quiroga.
Esta ruta conta con 19 emprazamentos vinculados dalgunha maneira con sete escritores: Pura e Dora Vázquez viviron en Quiroga sendo nenas; Ernesto Guerra da Cal, con familia quiroguesa, viviu coa súa tía en varios lugares da vila durante a súa nenez e adolescencia; Eduardo Moreiras naceu en Quiroga e volveu con frecuencia a estas terras para explorar vales, ríos e montañas; Luis Losada naceu no San Vitoiro do século XVIII; Ánxel Fole residiu na Veiguiña para protexer a súa integridade despois da Guerra Civil; e a avoa de Manuel María era do Hospital, ademais fixo fondas amizades nestas terras.
As persoas interesadas en participar na ruta, que se desenvolverá entre as nove da mañá e as dúas da tarde, teñen que inscribirse na casa da cultura antes do 29 de setembro ben persoalmente, no teléfono 982.43.51.25 ou no enderezo cultura.quiroga.quiroga@eidolocal.es