A piques de rematar as obras de prolongación e apertura da rúa Roberto Martínez Andrade

RibeiraSacraXa
Os traballos, cun investimento de 132.190 euros, supuxeron a creación dun novo tramo de 57 metros
tome-obras-martinez-andrade
30 Mar 2026

O Concello de Monforte de Lemos está a piques de rematar as obras de prolongación e apertura da rúa Roberto Martínez Andrade, unha actuación que permitirá conectar directamente as rúas Chantada e Santiago e mellorar a mobilidade nesta zona da cidade.

O alcalde, José Tomé Roca, supervisou o estado final dos traballos, que foron adxudicados á empresa Extraco por un importe de 132.190 euros e que se atopan practicamente concluídos. Tan só queda pendente o pintado das marcas viarias de sinalización horizontal e das zonas de estacionamento.

A intervención supuxo a creación dun novo tramo de 57 metros de lonxitude, cun ancho medio de máis de 12 metros e unha superficie total de 692 metros cadrados. A urbanización inclúe dúas beirarrúas peonís a ambos lados da vía, así como unha calzada central con dous carrís de circulación, un por sentido, e unha zona de aparcadoiro en liña nun dos laterais.

Ademais, o novo vial foi dotado de todos os servizos básicos, como redes de saneamento e pluviais, abastecemento de auga, iluminación pública, baixa tensión e telecomunicacións. Tamén se executaron os peches das parcelas afectadas e se instalaron portas de acceso nas mesmas.

Nos próximos días completarase a actuación coa sinalización horizontal, que incluirá tamén o tramo xa existente da rúa, así como a colocación dun sinal de STOP na intersección coa rúa Santiago para regular o tráfico procedente da rúa Chantada.
O rexedor destacou a importancia desta actuación dentro do plan de mellora das infraestruturas urbanas, asegurando que “é un compromiso que teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas desde 2015, que supón seguir mellorando a trama viaria urbana de Monforte”. Neste sentido, subliñou que, tras anos de espera, “este Equipo de Goberno consegue eliminar outro tapón urbanístico rematando a urbanización da rúa Roberto Martínez Andrade, igual que fixemos en Rof Codina”.

0.11911988258362