A mostra ‘Sempre en Galiza. 1944-2024’ poderá visitarse en Taboada durante a primeira quincena de agosto

Taboada acolle durante a primeira quincena de agosto a exposición “Sempre en Galiza. 1944-2024”, que recolle a obra máis destacada do pensamento político de Castelao, un manifesto a favor do recoñecemento da identidade nacional de Galicia.
A iniciativa, promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, busca levar esta mostra pola provincia coincidindo co 75 cabodano do artista e político nacionalista, para achegar á cidadanía a importancia desta figura na historia contemporánea galega.
A exposición, presentada pola deputada de Cultura Iria Castro e o tenente alcalde de Taboada, José Portela, xunto cos concelleiros Alexandre Varela e Manuel Diéguez, está composta por oito paneis que resumen o contido da obra. Estes inclúen textos explicativos, fotografías históricas e debuxos de Castelao, ofrecendo unha descrición cronolóxica que relaciona os textos coa súa actividade política desde 1934, cando comeza a escribir artigos durante o seu desterro en Estremadura, ata 1944, ano no que se funda o Consello de Galiza, goberno galego no exilio do que Castelao foi primeiro presidente— e se publica a primeira edición do libro.
Comisariada por Henrique Monteagudo e coordinada por Xesús Domínguez Dono, a mostra seguirá percorrendo distintos puntos da provincia grazas ao apoio da Deputación de Lugo.