A Maleta Viaxeira contra a violencia de xénero estivo en Quiroga
O Concello de Quiroga é a nova parada do proxecto “MAVI” que ofrece á cidadanía libros de diferentes temáticas relacionadas co feminismo, a igualdade, o empoderamento, a autoestima ou a violencia de xénero.
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou en Quiroga que só se pode eliminar a violencia machista desde o traballo en común, “e nesta loita por conseguir unha sociedade igualitaria debemos destacar o papel clave e indispensable que desempeña a coeducación, introducindo valores igualitarios, libres de estereotipos e prexuízos sexistas, proporcionando modelos de relación desde a igualdade”. A subdelegada fixo esta reflexión durante a presentación esta mañá no Concello que Quiroga do proxecto “MAVI: a Maleta Viaxeira contra a Violencia de xénero”, a iniciativa promovida pola Subdelegación do Goberno que achega recursos formativos en igualdade e contra a violencia machista na provincia.
Isabel Rodríguez, acompañada do alcalde, Julio Álvarez; da da xefa da unidade de violencia de xénero da Subdelegación, María Luisa Castro; e de traballadoras do Centro de Información á Muller do municipio, informou que Quiroga é a nova parada desta iniciativa “coa que queremos amplificar as mensaxes de rexeitamento a calquera tipo de violencia contra as mulleres”. Así, explicou que esta iniciativa contén libros de diferentes temáticas relacionadas co feminismo, a igualdade, o empoderamento, a autoestima ou a violencia de xénero ás veciñas e veciños da provincia.
“MAVI é unha proposta innovadora e á vez moi necesaria” subliñou a subdelegada quen advertiu que Quiroga conta, actualmente, con 4 casos activos no Sistema de seguimento de violencia de xénero (Vioxén). “Levamos este proxecto aos concellos, á administración máis próxima á cidadanía e, polo tanto, con máis facilidade de que estas mensaxes calen e sensibilicen á sociedade, co obxectivo de multiplicar o impacto e, deste xeito, previr todas as formas de violencia contra a muller”, engadiu Isabel Rodríguez. En relación con isto, agradeceu ao Concello de Quiroga a súa implicación neste proxecto, que permanecerá tres meses no municipio.
A subdelegada explicou que, coa de Quiroga, son tres as maletas que percorren a provincia, xa que as persoas internas nos Centros Penitenciarios de Bonxe e Monterroso levan semanas traballando con este material, que seguirá a súa viaxe en centros de información á muller, asociacións de mulleres vítimas de violencia de xénero e servizos sociais dos municipios que soliciten a maleta. Ditas maletas xa fixeron parada nos Concellos de Viveiro e Sarria, con textos que promoven a reflexión, a sensibilización e concienciación sobre temas determinantes para conseguir unha sociedade máis igualitaria e libre de violencias, favorecendo un pensamento crítico fronte aos estereotipos e roles de xénero que perpetúan estas violencias e desigualdades.
Maleta e diario de viaxe
Nesta primeira etapa, a maleta conta con doce libros infantís, xuvenís e para adultos, coa idea de que non só as mulleres, senón tamén as nenas e mozas poidan formar parte do proxecto. Así mesmo, a maleta contén un diario de viaxe no que as persoas que participan no proxecto poden escribir e compartir as súas reflexións sobre as lecturas.
Entre as obras que garda a maleta atópanse títulos como “¿Hay algo más aburrido que ser una princesa rosa?”, de Raquel Díaz Reguera; “La cenicienta que no quería comer perdices”, de Nunila López e Myriam Cameros; “Todos deberíamos ser feministas”, de Chimamanda Ngozi; “Mi marido me pega lo normal”, de Miguel Lorente Acosta; “Cansadas”, de Nuria Varela; “El libro de la hija”, de Inma López Silva; ou “Rosalía Feminista”, de Helena González Fernández, entre outros títulos. Ademais, a maleta contén un diario de viaxe no que as persoas que participen no proxecto poderán escribir e compartir as súas reflexións sobre as lecturas.
Por outra banda, os Concellos polos que pasará a maleta poden engadir aqueles libros escritos ou protagonizados polas mulleres do municipio para visibilizar o talento e as historias das mulleres da provincia.