A Fundación Legar abrirá na Seara un centro no que amosaranse máis de 1.200 instrumentos musicais tradicionais
A Fundación Legar abrirá na Seara un centro destinado a acoller o legado do músico e investigador Xavier Blanco no que amosaranse os máis de 1.200 instrumentos musicais tradicionais recollidos por toda Galicia.
O centro, segundo sinalan dende o Concello de Quiroga, está instalado nunha vivenda tradicional que foi rehabilitada na Seara, un lugar que foi escollido “polo bo estado de conservación da arquitectura tradicional e da paisaxe” da serra do Courel.
Os responsables do proxecto, Xavier Blanco e Martina Ferradás, explican desde o Concello, “pretenden que o centro non se limite a ser un lugar de exposición, xa que tamén mostrará como se tocan e como soan estes instrumentos e os visitantes poderán aprender a tocalos”. Ademais, haberá tamén obradoiros de restauración e de reprodución de instrumentos tradicionais.
A inauguración terá lugar este domingo, 24 de novembro, ás 12.00 horas. A partir desta data, o centro abrirá de forma regular todas as fins de semana, e acollerá visitas organizadas durante a semana.
O centro é a primeira parte dun proxecto que tamén comprende a realización de obradoiros e unha última parte que será a creación dun arquivo musical, xa que contan tamén con máis de 35.000 gravacións e numerosas partituras, sinalan dende o Concello de Quiroga.
Xavier Blanco, ademais da súa faceta de músico, recuperou ao longo da súa vida unha gran cantidade de instrumentos tradicionais como a gaita de cana de Moaña ou a zanfona diatónica, e dedicou boa parte do seu traballo a restauralos co fin de mostrar “que o folclore musical galego é moitísimo máis rico e variado do que se cre”.