A función ‘A historia vaxenial’ chega esta tarde a Monforte

O Concello de Monforte continúa coa súa programación arredor do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, cunha nova proposta teatral no Edificio Multiusos. Este xoves, 12 de marzo, ás 18.15 horas, proxectarase a obra ‘A historia vaxenial’, gañadora do VI Premio Luísa Villalta 2024 a proxectos pola igualdade.
A actividade, organizada polo Concello dentro da Rede de Teatros e Auditorios de Galicia, forma parte das accións deseñadas polo Centro de Información á Muller (CIM) para conmemorar esta data. O prezo da entrada xeral será de 5 euros, mentres que desempregados, xubilados e estudantes poderán acceder por 3 euros.
‘A historia vaxenial’, montaxe da compañía Artyc Content escrita por Raquel Nogueira e Iván Marcos, retoma a liña da serie web ‘Historias Vageniales’, gañadora dun Premio Mestre Mateo. A obra, en clave de comedia, recorre a historia da humanidade para analizar como se representaron os órganos sexuais femininos e como esa representación ou ausencia estivo vinculada á desconsideración da muller ao longo do tempo.
O espectáculo, interpretado por Raquel Nogueira, combina elementos de comedia historicista, conferencia pedagóxica e monólogo confesional. A dirección corre a cargo de Iván Marcos, recoñecido actor e director galardoado con premios como Fringe First no Festival de Edimburgo, Mestre Mateo ou María Casares, ademais de participar en varias producións cinematográficas e de Netflix.