A exposición ‘Ribeira Sacra Cultural’ homenaxea ao artista ourensán José Vázquez Ribada nos Peares

O Consorcio Local dos Peares acolle desde hoxe e ata o 31 de agosto a II Exposición Ribeira Sacra Cultural, unha mostra que reúne máis de 70 cadros e que rende homenaxe ao pintor local José Vázquez Ribada, coñecido como Fifí.
A iniciativa, enmarcada na sétima edición do Fest Clásico Ribeira Sacra, combina pintura, música e memoria da contorna. Entre as obras expostas hai retratos de compositores como Mozart, Beethoven ou Bartók, así como paisaxes e elementos patrimoniais da Ribeira Sacra —mosteiros, fervenzas ou hórreos—. Parte das pezas foron cedidas por veciños para completar a homenaxe ao artista.
A exposición poderá visitarse no Consorcio Local dos Peares os días 14, 21, 22, 23 e 24 de agosto en horario de tarde (19:30 a 20:30 horas) e o resto de días en horario de mañá (12:00 a 13:00 horas).
Esta mostra xa pasou no mes de xullo polo concello lucense de Pantón e forma parte da programación cultural de verán da Xunta de Galicia, incluída na campaña Para gustos, cultura.