A Deputación programa 40 proxeccións ao aire libre durante agosto e setembro
A Deputación de Lugo programa 40 proxeccións de filmes en galego nos meses de agosto e setembro, coa colaboración de asociacións e concellos das distintas comarcas.
As galegas Cuñados e Malencolía, a inglesa -dobrada ao galego- O noso último verán en Escocia, a película de animación da cineasta ferrolá Chelo Loureiro “Valentina” e “Bella e o Circo Máxico”, tamén dobrada ao galego, son as películas que forman desta programación de cine ao aire libre, coa que a área de Cultura contribúe a ampliar a axenda cultural dos concellos nos meses de verán, ao tempo que se ofrece a posibilidade de ver cine en galego de forma colectiva en lugares alleos aos circuítos comerciais.
Así, as proxeccións chegarán a distintas localidades de Meira, Muras, Riotorto, Ourol, Lourenzá, Pantón, Cervantes, Outeiro de Rei, Taboada, Carballedo, O Corgo, Vilalba, O Vicedo, O Saviñao, Navia de Suarna, Ribeira de Piquín, O Valadouro, Castro de Rei, Castroverde, A Pastoriza, Sarria, Burela, Folgoso do Courel, Guitiriz, Xermade, Triacastela, Becerreá, O Páramo, Láncara, O Incio e Vilalba, e a parroquias rurais de Lugo.
Calendario de proxeccións para os vindeiros días
- 15/08 Bella e o Circo Máxico. Láncara. Área Recreativa Manuel Fernández Arrojo. 22.30 horas.
- 18/08 O noso último verán en Escocia. Lourenzá. Claustro do Mosteiro. 22.00 horas
- 18/08 Malencolía. Cervantes. Patio do CPI de Cervantes. 21.45 horas
- 19/08 Cuñados. Meira. Praza do Convento. 22.00 horas
- 20/08 O noso último verán en Escocia. Carballedo. Campo da Feira de Castro de Carballedo. 22.00 horas
O calendario de proxeccións irase completando e actualizando con novas datas en cultura.deputacionlugo.gal