A Deputación organiza unha xornada de encontro de empresarios e desempregados

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Deputación organiza este xoves unha xornada de encontro entre empresarios e desempregados de acceso libre e gratuíto
xornada emprego deputacion lugo portada
15 Nov 2022

A Deputación de Lugo organiza este xoves, 17 de novembro, a I Xornada Emprego da Provincia de Lugo, na que se encontrarán empresarios e desempregados do territorio para poñer en común as necesidades do mercado laboral desde as diferentes perspectivas e así axudar mellor a oferta e a demanda.

A cita, que terá lugar desde as 11:00 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, é de acceso libre e gratuíta, ata completar o aforo.

Contará con representantes de compañías lucenses como Cafés Candelas, Leite Río, Innogando, Transportes Valín e Hijos, ou Arenal. No encontro participarán tamén mozos e mozas da provincia, traballadores e persoas en situación de desemprego.

Como triunfar neste mercado laboral? Que detestan as empresas?; Que detestan os desempregados? é o nome da conferencia de apertura, que estará a cargo de Alfonso Alcántara, licenciado en psicoloxía e especialista da motivación para empresas, profesionais e traballadores.

A partir do mediodía, haberá dúas mesas de debate. A primeira, baixo o título Hai traballo na provincia de Lugo, contará, entre outros, cos responsables de recursos humanos de Cafés Candelas e Arenal, Irene Rodríguez e Óscar López, respectivamente; o xerente de Transportes Valín e Hijos, Pablo Valín; e a responsable de Relacións Institucionais de Leite Río, María Luz López.

Lugar de oportunidades, a provincia de Lugo é o nome do segundo intercambio de pareceres, un encontro no que participarán entre outros Elio López, o CEO de Innogando; Juan Pedro Granados, responsable de márketing e estratexia dixital de clientes de  ESTATI.CO; Ramón Martínez, xerente de INSITU, e Lourdes Pardo, da Confederación de Empresarios de Lugo.

A cita de emprego contará tamén coa participación da Escola de Organización Industrial (EOI) coa que a institución provincial ten en marcha diferentes iniciativas de cara a impulsar o emprego e o desenvolvemento económico da provincia de Lugo.

As persoas interesadas en encontrar traballo poden deixar o seu currículo na Axencia de Colocación da Deputación de Lugo, con sede no Pazo de San Marcos, e aquelas con vontade de emprender poden solicitar cita para asesoramento no Punto de Atención ao Emprendedor (PAE) situado tamén na sede da institución provincial.

xornada emprego deputacion lugo
0.18142914772034