A Deputación de Ourense e o Concello de Xunqueira de Espadanedo abordan novas vías de colaboración

RibeiraSacraXa | OurenseXa
O presidente provincial, Luis Menor, mantivo este mércores a primeira reunión de traballo co novo alcalde deste municipio, Pablo Graña
luis-menor-pablo-graña
Luis Menor e Pablo Graña
5 Nov 2025

O presidente provincial, Luis Menor, e o recentemente nomeado alcalde de Xunqueira de Espadanedo, Pablo Graña, mantiveron este mércores a primeira reunión de traballo desde a toma de posesión do rexedor.

Tal e como explicou Menor, o encontro serviu para repasar toda a colaboración exercida pola Deputación nos principais proxectos que atinxen ao Concello de Xunqueira de Espadanedo, e que na actualidade superan os 800.000 euros. “De cara ao vindeiro ano, falamos de afianzar a cooperación institucional con proxectos culturais”, como é o caso dunha nave que foi adquirida coa axuda da Deputación, “e que agora axudaremos a reformar, acondicionar e poñer en valor”, salientou o presidente provincial.

En concreto, ambas as institucións avanzaron en proxectos deportivos e de humanización na contorna do Mosteiro de Santa María que, segundo sinalou Menor, “serán realidade proximamente para mellorar a condición deste concello enclavado en plena Ribeira Sacra, cun gran potencial turístico para a nosa provincia”.

Pola súa banda, o alcalde de Xunqueira de Espadanedo agradeceu ao presidente da Deputación “o gran compromiso que mantén co noso municipio”, avanzando que se materializará “con proxectos moi claros que nos axudarán a mellorar a vida da nosa veciñanza e seguir medrando como concello e no noso potencial como unha das zonas clave da Ribeira Sacra”.

⚙ Configurar cookies
0.070125102996826