A Deputación de Lugo investirá máis da 100.000 euros na reparación integral da LU-P-4104 en Pantón

A xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a adxudicación dos traballos de reparación da totalidade da LU-P-4104, entre Seguín e Os Peares, no Concello de Pantón.
As obras adxudicáronse á empresa OPAGA 003 SL por un importe de 103.963 euros e
Inclúen a rehabilitación dos máis de 15 quilómetros da vía. Entre actuacións previstas contémplase a reapertura de cunetas, o saneo da explanada, a reparación de danos e a repavimentación.
A voceira socialista do Goberno Provincial, Pilar García Porto, destacou que se trata dunha estrada “moi importante para os veciños e veciñas da zona porque conecta varias capelas, como a da Virxe das Neves ou a de San Antonio e, ademais, tamén dá acceso a importantes puntos turísticos da zona como o Miradoiro dos Peares; unha adega ou unha casa de turismo rural”.
Ademais, lembrou que o Goberno provincial tamén está a levar a cabo neste concello o arranxo da LU-P-4103, danada polos temporais deste inverno. “Na reunión do pasado venres iniciamos os trámites para comezar os traballos de rehabilitación e durante estes días os técnicos atópanse traballando en cuestións que afectan á vertedura de residuos. Nese sentido, temos previsto que as obras comecen xa entorno a Semana Santa”, sinalou Porto.