A Deputación de Lugo inicia obras de mellora do firme en tres estradas do Saviñao, Pantón e Monforte

RibeiraSacraXa
Os traballos afectan á LU-P-4102 entre Ferreira e Currelos, á LU-611 á altura de Escairón e á LU-P-3202 entre Monforte e O Saviñao
mellora-firme-estradas-rs
25 Mar 2026

A Deputación de Lugo vén de iniciar os traballos de mellora do firme en diferentes tramos de tres estradas situadas nos concellos do Saviñao, Pantón e Monforte de Lemos, cun investimento de 118.000 euros e un prazo de execución de aproximadamente tres meses. As obras están a ser executadas pola empresa FEVISA Vía e Obras SL e inclúen tamén a reposición da sinalización horizontal.

As actuacións abranguen a LU-P-4102, que comunica Ferreira con Currelos e conecta a N-120 coa LU-611 á altura de Escairón. Nesta vía, a Deputación mellorará preto dun quilómetro de firme desde o punto quilométrico 12 e reporá as marcas viarias entre os puntos quilométricos 6,165 e 11,020, desde o límite intermunicipal ata a zona da Páxara, no cruzamento co corredor.

Tamén se intervirá na LU-P-3202, que une Monforte de Lemos e O Saviñao polo lugar de Currelos, na parroquia de Vilaesteva. Esta infraestrutura recibiu nos últimos seis anos preto de 732.000 euros en renovación integral e considérase clave para as comunicacións da zona sur da provincia.

Por último, as melloras esténdense á LU-P-3208, que conecta Seoane con Pol pasando por Cinsa, reforzando unha vía de uso habitual pola veciñanza da contorna. Estas actuacións forman parte do plan da Deputación para garantir a seguridade viaria e a correcta conexión entre parroquias e núcleos da Ribeira Sacra.

0.085100173950195