A Deputación apoia no III Encontro Nacional das Festas Tradicionais con Lume a Taboada
A Deputación de Lugo colabora co III Encontro Nacional das Festas Tradicionais con Lume que acollerá o vindeiro sábado, 16 de xullo, a localidade de Taboada, grazas á Queima das Fachas que está declarada de Interese Cultural. Na cita participarán representantes de Mayorga (Valladolid), Jarandilla de la Vera (Cáceres), Nava del Rey (Valladolid), Casarabonela (Málaga), San Esteban del Valle (Ávila), Zalamea la Real (Huelva), Castro Caldelas (Ourense), Vilelos (O Saviñao) e Castelo (Taboada). A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este venres na presentación da festa, coa que a institución provincial achega 7.623€ que servirán para a contratación dun concerto do grupo folk Os D’Abaixo.
No acto, que tivo lugar no local social da parroquia de Castelo, participaron tamén o Alcalde do municipio, Ramiro Moure, e o presidente da Asociación Cultural As Fachas, Manuel Fidalgo, entre outras autoridades.
“Dende a Deputación de Lugo amosamos o noso compromiso e o noso apoio a esta festa, como facemos coa Queima das Fachas, polo que representa a nivel turístico, cultural e etnográfico”, sinalou a Deputada. Destacou que este é o ano da volta tras dous anos de pandemia e puxo en valor todo o que representa a Queima das Fachas para proxectar o patrimonio inmaterial da Ribeira Sacra, da provincia e de Galicia pola súa historia e singularidade.
García Porto enxalzou que este ano Taboada sexa sede do Encontro Nacional das Festas Tradicionais con Lume. “Teremos a oportunidade de amosar ao resto do país toda a nosa riqueza cultural e o noso carácter acolledor, porque recibiremos moita xente doutras comunidades autónomas”, valorou. Engadiu que “este é o tipo de eventos que dinamiza social e economicamente á comarca, e que encaixa á perfección co modelo de turismo que impulsamos desde a Deputación de Lugo, un turismo de calidade, de experiencias, non masificado, de proximidade e sostible, que deixa un alto valor no territorio”.
A Queima das Fachas é unha festa de tradición celta, que este ano será o 7 de setembro, e que se mantivo durante a época romana ata o punto de sobrevivir ata os nosos días e que consiste na queima de arredor dunha trintena de fachas encima do castro de Taboada.
Programación
Salón de Actos do Antigo Cuartel de Castelo:
- 11:00 horas. Acto de apertura
- 11:30 horas. Conferencia inaugural A tradición como reclamo turístico. Catalogación das festas tradicionais a cargo do antropólogo José Manuel Rodríguez
- 13.00 horas. Mesa redonda Festas tradicionais con lume. Salvagarda e futuro na que participarán representantes das diferentes celebracións polo territorio nacional.
Castro de Castelo:
- 15:00 horas. Comida
- 18:00 horas. Representación Folión de Carros e Entroido Ribeirao
- 19:00 horas. Proxección audiovisual das festas participantes
- 22:30 horas. Recreación das festas tradicionais con lume
- 00:00 horas. Concerto do grupo de folk Os D’Abaixo
Casa-Escola de Castelo:
- Todo o día. Exposición Festas tradicionais con lume da Península Ibérica