A Consellería de Cultura impulsa a recuperación de dous retablos no mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo

A Xunta de Galicia vén de sacar a licitación as obras de restauración de dous retablos do ano 1620 por valor de 48.370 euros na igrexa do mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo. Así o anunciou esta mañá o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Ángel Miramontes, nunha visita a este monumento, na que estivo acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.
Os retablos manieristas obxecto desta intervención, o da Transfiguración e o da Visitación, presentan, segundo explicou o responsable de cultura, “un mal estado de conservación que requiren da nosa atención para ser recuperados e postos en valor para a nosa veciñanza e para as xeracións futuras”. Deste xeito, durante visita fíxose fincapé nas deficiencias detectadas nos retablos na estrutura e madeira de soporte, con alteracións de relevancia que debilitan ás súas propiedades mecánicas.
Neste senso, sinalan desde o Goberno galego, obsérvanse desaxustes estruturais, desprendementos, desensamblaxes, gretas e fendas, perdas de volumes e engadidos alleos, ademais da presenza activa de insectos xilófagos e patoloxías nas policromías, como son as faltas de adhesión e desprendementos de estratos, repintes, suciedade, oxidación do verniz e escurecemento xeral da superficie debido principalmente a fumes de combustión.
Ademais, tamén se prevé a intervención nas bases pétreas que serven de apoio aos retablos e soportan as frontes de altar co obxecto da súa estabilización, xa que amosan desaxustes na súa fábrica. En concreto, os labores descritos no marco deste proxecto están vencellados á limpeza superficial, á desinsectación curativo-preventiva, á fixación de estratos polícromos, e á revisión, reposición e reforzo de ancoraxes.
A isto engádese o tratamento de elementos metálicos, a actuación sobre a carpintería de reaxuste estrutural e a consolidación de soportes, así como o arranxo de gretas e fendas, a reintegración volumétrica e cromática, a recolocación dos frontais de altar, a limpeza de policromías e vernices oxidados e a eliminación de repintes. Os traballos complétanse coa aplicación de protección final e a limpeza e encintado das bases pétreas dos retablos.
Esta intervención súmase á levada a cabo para restaurar este ben e que incluíra a recuperación da policromía orixinal do coro do século XVI, cun investimento de máis de 210.000 euros, elevando a achega da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a este mosteiro ata máis de 300.000 euros.
Santa María de Espadanedo é un antigo mosteiro cisterciense, fundado na segunda metade do século XII por Fernando II de León e que ao longo dos séculos XII e XIII viviu unha época de esplendor. Xa no século XIX, converteuse en igrexa parroquial, un templo que actualmente está protexido polo seu valor cultural, pertencendo ao exoámbito da Paisaxe Cultural da Ribeira Sacra.
Os retablos que van ser restaurados sitúanse no cuarto tramo da nave central da igrexa e tras a reixa de madeira que data do ano 1899 e que, historicamente e ata a Desamortización, separaba a parroquia da clausura. Estes retablos manieristas executáronse ao redor do ano 1620 por dous artistas diferentes, Juan de la Sierra (Transfiguración) e Alonso López (Visitación). No ano 1620 o pintor Gonzalo Pérez encárgase de pintar ambos os dous.