A compañía Berrobambán leva a Monforte o seu espectáculo ‘Mulleres que viven soas’

O Concello de Monforte continúa este xoves, 10 de abril, co seu ciclo de teatro correspondente ao primeiro trimestre deste ano 2025. A compañía Berrobambán presentará o seu espectáculo ‘Mulleres que viven soas’ ás 20.15 horas no Edificio Multiúsos, poñendo fin ás representacións de teatro profesional adulto da Rede Galega de Teatros e Auditorios do primeiro semestre de 2025.
A obra, escrita por Paula Carballeira a partir de textos de Xiana Arias, María da Pontragha e Vero Rilo, está dirixida por Chiqui Pereira e Nuria Sanz e interpretada por Paula Carballeira, María da Pontragha e Vero Rilo.
Sinopse
‘Mulleres que viven soas’ está protagonizada polas Tres Bruxas que profetizan o ascenso de Macbeth ao trono na peza de Shakespeare. Tres bruxas que encarnan os males deste mundo e que nos serven de referencia para rirnos da diferenza entre como nos ven (ou nos contan) e como nos sentimos nós dentro das nosas casas.
É un espectáculo híbrido entre o teatro documental, a standup comedy e o teatro isabelino interpretado por tres das contadoras de historias máis relevantes do panorama actual. Tres mulleres excepcionais para dar voz e corpo a historias reais e personaxes femininas de ficción.