A CIG alerta da falta de persoal de enfermaría na Residencia de Maiores de Valdegodos, en Quiroga

RibeiraSacraXa
O sindicato lembra que esta situación supón un incumprimento da normativa galega e demandan unha solución urxente
maiores-recurso
18 Mar 2026

A CIG denunciou hoxe a grave carencia de persoal de enfermaría na Residencia de Maiores da Fundación Valdegodos en Quiroga, que, segundo asegura o sindicato, leva máis dun ano sen dispoñer deste servizo.

Esta situación supón un incumprimento da normativa galega, concretamente da Orde do 4 de decembro de 2024, que establece a obrigatoriedade de contar con persoal de enfermaría en función do número de usuarias e usuarios e do seu grao de dependencia. A orde recolle expresamente que “a vixilancia e o coidado da saúde das persoas residentes debe estar garantido por persoal cualificado, incluíndo enfermeiras/os nas ratios marcadas”.

A Unión Local da CIG de Monforte considera “absolutamente inaceptable” que un centro destas características “poida permanecer durante tanto tempo sen cubrir un servizo esencial para a atención sanitaria das persoas residentes, moitas delas en situación de especial vulnerabilidade”.

O sindicato tamén advertiu do efecto que esta carencia ten sobre o sistema público de saúde, xa que a falta de enfermaría no centro provoca que a carga asistencial se traslade ao centro de saúde de Quiroga, saturando os seus recursos e aumentando a sobrecarga de traballo do seu persoal.

A CIG sinala que xa tratou esta problemática coa dirección da residencia, requiríndolle “a adopción inmediata das medidas necesarias para cumprir coa legalidade e garantir unha atención digna e segura”. Ademais, o sindicato avisa de que, de non producirse unha solución a curto prazo, “procederá a emprender as accións legais oportunas co obxectivo de depurar responsabilidades e garantir o cumprimento da normativa vixente”.

0.11740803718567