A choiva obriga a suspender durante 15 días os traballos na Zona D de Monforte

Os traballos de urbanización e dotación de servizos da Zona D de Monforte quedan suspendidos durante 15 días debido ás condicións meteorolóxicas. Así o aprobou esta mañá a Xunta de Goberno Local de Monforte tras a solicitude da empresa adxudicataria debido ás inclemencias do tempo.
“As previsións, con precipitacións intensas e fortes ventos, poderían afectar ao rendemento dos traballos e á boa execución das obras pendentes, por tal motivo, acordamos aceptar a solicitude da empresa de suspensión”, explica o alcalde, José Tomé, que explica que debido á chuvia acumulada o terreo está embarrado, o cal dificulta os traballos. “As máquinas entérranse no barro, e isto afecta a limpeza e mesmo á calidade dos traballos que se están facendo”, indicou Tomé, que explica que unha vez retomadas as obras, o prazo de execución restante é de 4 meses.
Os traballos abarcan un espazo de máis de 3.200 m2 situado entre a céntrica rúa Cardenal e o río Cabe, adxudicáronse á empresa Extraco S.A. por un importe de 420.495,57 euros Ademais da urbanización do espazo, as obras inclúen a dotación de servizos e conexión con redes do sistema xeral da rúa Cardenal. Concretamente, instalacións de saneamento de residuais e pluviais, abastecemento de auga, enerxía, alumeado, telecomunicacións e gas. O proxecto complétase coa pavimentación, xardinería e mobiliario.
O aclade destaca que, ao igual que pasou na rúa Rof Codina ou Zona C, “o proxecto da Zona D vai permitir eliminar unha pequena bolsa de maleza, abrindo un novo vial que comunicará a rúa Cardenal co Paseo do Cabe. Así mesmo, vai xerar novas parcelas edificables con baixo impacto e tamén unha pequena zona verde, que mellorará e poñerá en valor esa zona que se proxecta cara o monumento da Nosa Señora da Antiga, máis coñecida como Escolapios. Estamos convencidos de que na Zona D ocorrerá o mesmo, aínda que o seu ámbito é máis reducido, pero non menos importante debido á zona na que se atopa”.
Neste senso, o rexedor remarca que o desenvolvemento deste proxecto “é un paso máis no meu compromiso de mellorar o urbanismo da cidade, neste caso creando un novo espazo urbano nunha zona emblemática da cidade, como é entorno do Cardenal e o Parque dos Condes”.