A casa do Concello de Lourenzá acolleu o acto inaugural do Ano de Del Riego

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A casa do Concello de Lourenzá acolleu o acto inaugural do ano dedicado a Francisco Fernández del Riego.
Francisco Fernandez del Riego
8 Xan 2023

A casa do Concello de Lourenzá acolleu o acto inaugural do ano dedicado a Francisco Fernández del Riego. O evento contou coa presenza do conselleiro de Cultura, dos presidentes da Deputación do Luqo, da Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega, de alcaldesas, alcaldes, concelleiras e concelleiros, así como de representantes de diferentes asociacións, da Fundación Penzol, da Editorial Galaxia, do CEIP Juan Rey, de Lourenzá, e do IES San Rosendo, de Mondoñedo, entre outros asistentes.

Na súa intervención a alcaldesa laurentina, Rocío López, comezou dando as grazas “a todos aqueles que contribuístes a que hoxe esteamos de celebración, en especial á Real Academia Galega, ás distintas corporacións municipais de Lourenzá, a Asociación Patrimonio Laurentino e tamén a todos os concellos da comarca da Mariña por todo o apoio prestado. Grazas tamén a todos os membros que forman parte da Mesa Fernández Del Riego: temos un grande labor por diante pero estou segura de que imos facelo moi ben e estaremos á altura, tal e como se merece Don Paco. Aproveito tamén para agradecer a colaboración económica que nos brindan tanto a Deputación de Lugo como a Xunta de Galicia e que serán de gran axuda para poder levar a cabo todos os actos previstos para este ano 2023”.

A rexedora municipal destacou: “hoxe é un día de ledicia para todo Lourenzá e para todo Galicia. Hoxe, 7 de xaneiro, fai 110 anos que nacía nesta vila Francisco Fernández del Riego, e aquí nesta sala inauguramos o ano dedicado a súa figura no berce que o viu nacer. As  rúas, as  prazas e cada recuncho desta vila gardan as vivencias da nenez e a adolescencia da vida de Don Paco. Dende os paseos no cochiño coa súa avoa Dominica, alentando os aires da alameda da Praza do Conde Santo, pasando polos días de escola coa mestra dona Estrela e con Don Maximino, ata as tardes de caldelo, nas que se bañaba nas claras augas do río Baos, no Pozo de Cuñas. E foi aquí, no balcón deste Concello, onde un 25 de xullo do 1931, nunha estadía vacacional en Lourenzá e con 18 anos, pronunciou o seu primeiro discurso galeguista. A pesares de non vivir en Lourenzá sempre alardeou de onde era e sempre manifestou un agarimo especial polas súas raíces e pala súa vila natal. Don Paco foi, sen dúbida, o mellor embaixador do noso pobo; sempre gozou de presumir de onde era, da súa terra e das súas xentes. Firmou co pseudónimo Salvador Lorenzana, en alusión ao mosteiro vilego, publicou numerosos artigos de prensa dedicados a Lourenzá, foi pregoeiro das festas da Faba e do Conde Santo, fixo unha importante doazón de libros á biblioteca municipal, publicou libros como o Cego de Pumardedón ou Lourenzá, no que rende pleitesía e describe maxistralmente os lugares e as personaxes da vila que o viu nacer e constitúe, sen dúbida, referente para a historia do noso concello”.

"Foi deses homes con maiúsculas, capaces de cambiar a historia dun país, xa que foi fío condutor da súa cultura e da súa lingua. Del díxose que tiña corazón de ouro, mente luminosa e vontade de ferro ao servizo da patria galega; e proba diso son os 97 anos que dedicou á defensa dos principios que compoñen a identidade de Galicia”.

“Lembrando as súas orixes estaremos reivindicando unha parte moi importante do seu legado, porque a traxectoria de Paco Fernández del Riego demostra que o futuro de Galicia non se ten que escribir facendo escollas entre realidades contrapostas, senón buscando a súa síntese".

Rocío López contou tamén que “a escasos metros de aquí, na praza Linares Rivas, consérvase a casa onde naceu, moi preto da vivenda da súa amiga a pintora Xulia Minguillón, que nunha ocasión ata lle pintou un retrato. Temos una rúa co nome Francisco Fernández del Riego e un busto del aquí, na praza do Conde Santo. É moi fonda e moi grande a pegada do noso laurentino máis ilustre no noso concello e debémoslle moito porque sempre presumiu de ser de onde era”.

A alcaldesa de Lourenzá salientou que Del Riego “foi deses homes con maiúsculas, capaces de cambiar a historia dun país, xa que foi fío condutor da súa cultura e da súa lingua. Del díxose que tiña corazón de ouro, mente luminosa e vontade de ferro ao servizo da patria galega; e proba diso son os 97 anos que dedicou á defensa dos principios que compoñen a identidade de Galicia. Deixounos un importante legado intelectual de valor incalculable, pero se por algo destacou foi por ser un home honrado, cun gran espírito de sacrificio, valente de pensamento e traballador incansable polos intereses da súa patria”.

DEPUTACIÓN.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, destacou a “pegada decisiva e indeleble” no galeguismo, na lingua e na cultura do século XX deste escritor e intelectual nado no concello mariñán. Na cita, que tivo lugar na Sala de Exposicións do Concello, o mandatario provincial estivo acompañado polo presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, e a Alcaldesa da localidade, Rocío López, e o Conselleiro de Cultura, Romám Rodríguez, entre outras autoridades.

“Estou seguro de que Don Paco estaría moi contento de comezar na súa vila natal este ano no que imos repasar case que un século de vida consagrada á cultura galega”, sinalou o Presidente da institución provincial, que colabora coa programación.

Na súa intervención, o mandatario puxo en valor que “como ocorre con Pessoa en Lisboa ou con Joyce en Dublín, a figura de Fernández del Riego é inseparable da paisaxe urbana de Vigo. Pero el sempre tivo moi presentes as súas orixes lucenses, e mesmo empregou en prensa seudónimos que eran unha declaración expresa de amor pola súa terra, como os de ‘Salvador Lourenzá’ ou ‘Cosme Barreiros’”.

Destacou que “é de xustiza lembrar as orixes dun modesto veciño de Lourenzá que coa súa infatigable actividade como escritor, editor, columnista ou dinamizador político,  deixou unha pegada decisiva e indeleble no galeguismo, na lingua e na cultura do noso século XX” e que facéndoo “estaremos reivindicando unha parte moi importante do seu legado, porque a traxectoria de Paco Fernández del Riego demostra que o futuro de Galicia non se ten que escribir facendo escollas entre realidades contrapostas, senón buscando a súa síntese”.

“Non temos que elixir entre rural e urbano; entre modernidade e tradición; entre progreso e conservación da cultura”, apuntou José Tomé, que subliñou que tanto a vida como a obra de Fernández del Riego “dinnos que esa sería unha escolla falsa, empobrecedora. Unha escolla que nos enreda en liortas estériles que, ou non dan froito, ou – aínda peor- só serven como pantalla detrás da que agochar políticas erróneas”.

Fernández del Riego, dixo o presidente, “foi, como tantos traballadores e emigrantes, un neno do rural que deu o mellor de si para o crecemento das cidades. Un home que entendeu que o coñecemento das nosas tradicións é a base máis sólida sobre a que construír a modernidade. E, por suposto, sempre sostivo que Galicia só tería a forza necesaria para preservar a súa lingua, a súa cultura e a súa identidade, se garantía o seu progreso social, económico e político”.

Razón pola que, segundo as palabras de Tomé Roca, “dentro das homenaxes que lle vamos render neste ano á súa figura, temos que incluír a de loitar por ese equilibrio, que é fundamental para Galicia. Un equilibrio que lle dea ós veciños e veciñas do rural o mesmo acceso ós servizos públicos, ó ensino, á sanidade, á cultura, ás infraestruturas e ás novas tecnoloxías, dos que desfrutan os galegos e galegas das cidades. Desta forma, estaremos cumprindo, non só o mandato constitucional de igualdade entre as persoas, senón que estaremos garantindo o futuro do noso rural, que é o futuro de Galicia”.

“Precisamos desenvolver políticas públicas que aprendan do exemplo de Don Paco. Que busquen os grandes logros empezando por coidar as pequenas orixes”, apuntou.

0.10008907318115