A Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro acollerá un concerto de música lírica a cargo de Emilia Pérez e Lucas López

A Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro acollerá o vindeiro luns, 23 de decembro, un concerto de música lírica a cargo de Emilia Pérez e Lucas López. A cita está organizada pola Sociedade Filharmónica de Monforte de Lemos e comezará ás 20.15 horas.
Natural do Carballiño, a soprano Emilia Pérez estuda na Universidade das Artes de Zúric e, anteriormente, formouse no Conservatorio Superior de Música de Vigo. En 2021 e 2022 foi galardoada no concurso Mirna Lacambra. Ademais, entre outros recoñecementos, obtivo o primeiro premio no IV Concurso Nacional de Canto Cidade de Albacete e foi premiada co premio Andrés Gaos á Mellor Voz Galega.
Pola súa banda, Lucas López é graduado en piano e canto polo Conservatorio Superior de Música de Vigo e actualmente continúa coas súas clases de canto na Zürcher Hochschule der Künste, en Suíza. Entre outros premios, foi gañador do VII Concurso de Solistas do CSM de Vigo. Ao igual que a súa compañeira, gañou dúas edicións do concurso Mirna Lacambra e tamén o VI Concurso de Canto Compostela Lírica.