A Casa da Cultura de Quiroga acolle a mostra “Líneas Exquisitas” da artista Luz Moscoso

A Casa da Cultura de Quiroga acolle desde esta semana a exposición “Líneas Exquisitas”, unha proposta artística da creadora Luz Moscoso que poderá visitarse ata o 3 de maio.
A mostra foi inaugurada o pasado martes pola tarde nun acto ao que asistiu o alcalde, José Luis Rivera, e presenta unha serie de obras centradas no debuxo de carácter abstracto. A artista emprega unha técnica baseada en trazos de liñas paralelas realizados a pulso, utilizando rotulador negro sobre distintos tipos de papel.
As pezas destacan pola súa sinxeleza técnica e pola ausencia de elementos previos no proceso creativo, xa que, segundo se sinala, non se empregan bosquexos, lapis, plantillas nin ferramentas dixitais. O resultado é un conxunto de obras que xogan coa repetición, o ritmo e a construción de formas a partir da liña.
Ademais, exposición combina composicións de carácter abstracto con outras que evocan elementos naturais ou formas de tipo biomórfico, nas que o movemento e a continuidade do trazo cobran especial protagonismo.
Luz Moscoso, natural de Ribas do Sil, conta cunha formación diversa que inclúe estudos en Belas Artes pola Universidade de Pontevedra, formación en teatro nas aulas universitarias de Pontevedra e Ourense, así como a licenciatura en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela.