A Casa da Cultura de Chantada repasa a historia do Castañazo Rock nunha exposición

RibeiraSacraXa
A exposición reúne carteis, camisetas e fotografías inéditas que documentan a evolución dun evento que acumula xa vinte edicións
expo-castañazo-chantada
Exposición “XX edicións de Castañazo 1993-1996 / 2007-2019 / 2023-2025”
10 Oct 2025

A Casa da Cultura de Chantada acolle durante o mes de outubro a exposición “XX edicións de Castañazo 1993-1996 / 2007-2019 / 2023-2025”, unha mostra que percorre máis de tres décadas de historia do emblemático festival musical nacido na vila.

A exposición reúne carteis, camisetas e fotografías inéditas que documentan a evolución dun evento que comezou en 1993, cando “un grupo de amigos decidiu poñer en marcha o seu propio festival traendo as mellores bandas á vila”. Naquel momento, Chantada contaba cunha forte afección polo rock, aínda que a comarca carecía de tradición festivalera.

Neses primeiros anos, o Castañazo coincidiu co nacemento do movemento bravú, que agrupou bandas que apostaban polo galego e por reflectir a identidade do país. Nas súas primeiras edicións pasaron polo escenario formacións como Os Diplomáticos de Montealto, Heredeiros da Crus, Os Papaqueixos, Skornabois ou os anfitrións Tabernícolas e Rastreros.

Tras unha pausa dunha década, o festival renaceu en 2007 coa creación da Asociación Cultural O Castañazo. Desde entón, a cita incorporou actividades paralelas como a Feira do Disco Galego, o magosto, os xogos bravús ou os cantos de taberna, consolidándose como un dos eventos culturais máis importantes da zona.

A exposición pode visitarse ata o 31 de outubro, de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e os sábados de 10:00 a 14:00 horas.

A mostra coincide ademais coa XX edición do Castañazo, que se celebrará os días 31 de outubro e 1 de novembro. O primeiro día actuarán The Rapants, Catuxa Salom, Mondra, Liviao de Marrao e Terrae, mentres que o 1 de novembro será a quenda de Baiuca, De Ninghures, Rastreros, A Banda da Loba e a Orquestra Bravú Xangai.

O festival, co apoio do Concello de Chantada, mantén o seu espírito orixinal e combina música, artesanía e tradición popular, con propostas como o magosto, a feira de artesanía e os xogos bravús.

⚙ Configurar cookies
0.10576605796814