A Casa da Cultura de Chantada inaugura a exposición “Os maragatos da Porta de San Pedro”

RibeiraSacraXa
A mostra, que relata a traxectoria da familia Pérez-Carro, poderá visitarse ata o 29 de xaneiro
mostra-os-maragatos-chantada
16 Jan 2026

A Casa da Cultura de Chantada acolle ata o vindeiro 29 de xaneiro a exposición “Os maragatos da Porta de San Pedro”, unha mostra organizada polo Colectivo Egeria e a Fundación Carmen Pérez-Carro que repasa a historia dunha familia vencellada ao comercio e á vida social da cidade de Lugo desde finais do século XIX.

A exposición foi inaugurada coa participación do escritor Ramón Rodríguez Porto, colaborador do libro que forma parte do proxecto; María Luísa García, en representación do Concello de Chantada; e o presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz.

A mostra está composta por 12 paneis, en galego e castelán, que relatan a traxectoria da familia Pérez Carro, asentada en Lugo desde 1880, e o seu papel destacado no desenvolvemento comercial e social da capital lucense.

A historia remóntase á chegada desde a maragatería leonesa de Tomás Pérez Carro e Vicenta García Carro, integrantes da primeira xeración dos coñecidos como Maragatos da Porta de San Pedro, que se estableceron fronte á daquela Porta Toledana da muralla de Lugo, a actual Porta de San Pedro. Co paso do tempo, a familia integrouse plenamente na vida da cidade.

O proxecto nace con motivo do 40 aniversario do falecemento de Tomás Pérez-Carro García, cabeza de familia da segunda xeración, e foi impulsado pola terceira xeración co obxectivo de investigar e divulgar a historia familiar e a súa contribución ao comercio lucense, representada hoxe polo establecemento histórico da rúa San Pedro.

A exposición pode visitarse de luns a venres en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas, e os sábados de 10.00 a 14.00 horas.

⚙ Configurar cookies
0.086804151535034