A Casa da Cultura de Chantada acolle unha exposición sobre o Folión de Carros

RibeiraSacraXa
A mostra, organizada pola Asociación Cultural Amigos do Folión, pode verse durante todo o mes de agosto
expo-folion-de-carros-chantada
6 Aug 2025

A Casa da Cultura de Chantada acolle durante todo o mes unha exposición dedicada ao Folión de Carros, unha das celebracións máis singulares de Galicia, declarada Ben de Interese Cultural e Festa de Interese Turístico de Galicia. Esta actividade forma parte da programación previa a unha nova edición do Folión, que se celebrará o vindeiro sábado 23 de agosto, no marco das Festas Patronais.

A mostra foi organizada pola Asociación Cultural Amigos do Folión, coa colaboración do Concello de Chantada, como parte do seu labor de difusión e preservación desta tradición popular.

Unha das seccións máis destacadas da exposición está dedicada aos traballos realizados polo alumnado de 4º de ESO do IES Lama das Quendas, quen participou no deseño do cartel anunciador do Folión de Carros 2025. Para as súas creacións empregaron a técnica de transferencia sobre madeira, utilizando imaxes antigas do Folión como base e, nalgúns casos, engadindo elementos propios con rotuladores acrílicos. O traballo escollido como cartel oficial de 2025 foi o de Victoria García.

Desde a Asociación destacan o valor simbólico desta iniciativa, salientando que “son as imaxes creadas e recreadas polos seus protagonistas, carroceiros e carroceiras, en cada edición, que artistas de diferentes áreas expresan e transforman libremente a través de intervencións artísticas contemporáneas. Tradición e vangarda necesítanse mutuamente. E iso é exactamente a memoria do folión: tradición e vangarda”.

A mostra tamén inclúe fotografías en cor tomadas en 2017 pola fotógrafa Lydia Castro para a exposición No carro un latexar, así como unha serie de maquetas realizadas por David Carbón, que reproducen algúns dos carros participantes en edicións anteriores do Folión.

Ademais, a proposta ampliarase nos próximos días coa instalación dunha exposición ao aire libre titulada Máis imaxes para a memoria, composta por 40 paneis distribuídos en 10 cubos con imaxes representativas do Folión. A instalación ubicarase na Praza do Mercado e na contorna da igrexa vella, co obxectivo de achegar o valor patrimonial desta celebración tanto á veciñanza como ás persoas visitantes. A Asociación Cultural Amigos do Folión anunciará proximamente a inauguración oficial desta mostra exterior.

⚙ Configurar cookies
0.6038761138916