A Casa da Cultura de Chantada acolle unha exposición fotográfica sobre o Entroido Ribeirao

RibeiraSacraXa
A través das imaxes e do material audiovisual, a mostra permite achegarse a unha das manifestacións etnográficas máis singulares do municipio
expo-entroid-ribeirao-chantada
9 Feb 2026

A Casa da Cultura de Chantada acolle durante o mes de febreiro unha exposición fotográfica dedicada ao Entroido Ribeirao. A mostra reúne unha ducia de fotografías sobre esta celebración tradicional, ademais da proxección do documental O Moredo. A resistencia do Entroido Ribeirao, cedido para a ocasión polo seu autor, David Vázquez (Pinancho). A través das imaxes e do audiovisual, a exposición permite achegarse a unha das manifestacións etnográficas máis representativas do municipio.

Desde o Concello de Chantada destacan que esta iniciativa ten como obxectivo poñer en valor o Entroido Ribeirao e recoñecer o traballo que desenvolve a asociación Amigos do Entroido Ribeirao, fundamental para a conservación e transmisión desta tradición ás novas xeracións.

Durante o acto inaugural, celebrado o pasado sábado 7 de febreiro, fíxose entrega dun obsequio a todas as persoas que colaboraron de xeito altruísta no proxecto, tanto achegando material para o documental como cedendo as fotografías expostas. As imaxes son obra de Ana Iglesias, Marga Piñeiro Díaz, Kris Pereira’s, Paula G, Segundo Navaza Blanco e Xaime Cortizo. Tamén se quixo agradecer a colaboración do artista local Jon González, autor do cartel anunciador da exposición.

A mostra, organizada pola Oficina Municipal de Turismo, pode visitarse de luns a venres en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas, e os sábados de 10.00 a 14.00 horas.

⚙ Configurar cookies
0.082059860229492