A biblioteca municipal de Sober, galardoada co María Moliner na XXII edición dos premios
O ministerio de Cultura e Deporte vén de premiar o labor de 13 bibliotecas públicas municipais de Galicia na XXII edición dos Premios María Moliner e entre elas atópase a do concello de Sober.
13 proxectos de animación á lectura foron elixidos para entregar estes galardóns no marco da XXII edición dos Premios María Moliner, coa participación do ministerio de Cultura e Deporte e en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).
Están dirixidos a propostas presentadas por bibliotecas de concellos de menos de 50.000 habitantes. O importe total co que foron galardoadas as bibliotecas da Galicia ascende a 36.111 euros a razón de 2.777 euros por biblioteca e proxecto.
Os premios recoñecen aos mellores proxectos de animación á lectura dirixidos a todos os veciños, especialmente a colectivos con dificultades para o acceso á lectura, en calquera das linguas oficiais da comunidade autónoma respectiva. En total presentáronse en toda España 547 proxectos dos que foron seleccionados 370, que poderán destinar a contía dos premios principalmente a compra de libros e/o publicacións periódicas por parte das bibliotecas públicas.
O programa presenta unha gran importancia estratéxica no acceso ao libro e a lectura, xa que aproximadamente a metade da poboación española reside en municipios de menos de 50.000 habitantes. O obxectivo da Campaña é, seguindo o ideal da propia María Moliner, que calquera lector en calquera lugar poida conseguir o libro que lle interese.
O proxecto premiado da biblioteca pública municipal de Sober nesta edición levaba o título de Sober con la lectura 2022.
O RURAL
A Delegación do Goberno en Galicia avanza que está aberto o primeiro programa de animación á lectura no mundo rural, dotado con 250.000 euros, dentro do novo Plan de Fomento da Lectura 2021-2024.
O Plan é xestionado polo ministerio de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura, e ten como obxectivo fomentar a lectura, as letras e o libro no mundo rural, apoiando gastos de equipamento ou investimentos de entidades que desenvolvan programas de animación á lectura, con especial valoración daqueles que leven a cabo en localidades de menos de 5.000 habitantes, que en Galicia son máis do 80% dos concellos.
O prazo para presentar solicitudes abriuse o pasado 3 de agosto, e finaliza o próximo día 24 de agosto ás 14.00 horas. Na seguinte ligazón pode consultarse toda a información referente á convocatoria: https://www.culturaydeporte.gob.es/cultura/libro/sc/becas-ayudas-y-subvenciones/programa-animacion-lectura-mundo-rural.html