A Banda de Música de Chantada presenta a súa programación para 2026 baixo o título “Raíces”

A Banda de Música de Chantada presentou a semana pasada na Casa da Cultura a súa programación para 2026, baixo o título “Raíces”. O concelleiro de Cultura do Concello de Chantada, Manuel Diéguez, xunto con integrantes da directiva da Banda —entre os que se atopaban a presidenta, Lucía Fernández; a vicepresidenta, Nazareth Feijóo; e a secretaria, Miriam Vázquez— explicaron as actuacións que se levarán a cabo ao longo do ano.
O calendario musical comezará o sábado 7 de marzo ás 13:00 horas cun concerto no marco da XLIII Feira do Viño de Chantada, marcando o arranque dunha programación que se estenderá desde marzo ata novembro. En abril, a Banda ofrecerá un recital de música sacra, mentres que en maio terá lugar o tradicional Concerto do Socio, dirixido aos socios e á veciñanza do municipio. Durante o verán, en agosto, os concertos trasladaranse ás Noites á Luz da Lúa, que se suman ao XXXV Festival de Bandas de Música de Chantada, no contexto das #FestasdeChantada. Xa en outono, a Banda organizará o XII Outono Musical en outubro e pechará a súa programación en novembro cun concerto dedicado a Santa Icía.
Segundo a directiva, a programación baixo o título “Raíces” busca manter viva a tradición musical de Chantada, achegando a música á cidadanía e ofrecendo un calendario cultural que combina tradición, festividade e propostas educativas para o público de todas as idades.