A Asociación Amigos de Manuel Jorge Manuel Jorge inaugura a mostra expandida ‘Un cadro nun lugar’

RibeiraSacraXa
O obxectivo é achegar a pintura do artista chantadino mentres está en obras o do futuro Museo e Centro de Cultura Contemporánea da Ribeira Sacra.
ecomuseo-de-arxeriz
26 Oct 2025

A Asociación Amigos de Manuel Jorge de Chantada puxo en marcha esta semana a iniciativa ‘Un cadro nun lugar’, unha mostra expandida que busca achegar a pintura do artista chantadino ao territorio antes da apertura do futuro Museo e Centro de Cultura Contemporánea da Ribeira Sacra.

O proxecto implica a cesión en depósito de cadros de Manuel Jorge a institucións e empresas con arraigo na Ribeira Sacra, co obxectivo de que as obras ocupen espazos públicos ou de tránsito e se incorporen ao imaxinario colectivo como parte do patrimonio cultural da zona.

Na primeira fase da iniciativa colocáronse cadros en catro lugares de Chantada. Por un lado, no Multiusos de Chantadapreséntase unha pequena selección da serie dedicada ás Meninas de Velázquez, nunca antes exposta en Galicia. Pola súa parte, o Ecomuseo de Arxeriz acolle un tríptico de obras abstractas de gran formato que contrastan de forma estimulante coa musealización do espazo, mentres que a Queixería Airas Moniz exhibe unha paisaxe azul e un retrato de pequeno formato da etapa abstracta de Manuel Jorge. Por último, no Estudio X+P, dende onde se coordinan as obras do futuro museo, atópase unha pintura de colorido vibrante e técnica próxima ao expresionismo abstracto.

A Asociación anunciou que, aínda que de momento os espazos están en Chantada, xa manteñen contactos con outras institucións e empresas da Ribeira Sacra para sumar máis puntos de exposición mentres se completan as obras de restauración do edificio situado no número 7 da Praza do Cantón, no casco histórico. O futuro museo contará con dúas salas de exposicións, talleres de artes plásticas e dixitais, unha sala multiusos para cursos, conferencias e proxeccións, ademais dun arquivo e sala de investigación.

A presidenta do colectivo, Mercedes Vázquez, destacou que se trata dun proxecto ambicioso que irá máis aló da obra de Manuel Jorge xa que, sinala, “será un museo aberto no que queremos atraer expresións artísticas e pensamento a Chantada, ao tempo que sirva para proxectar a Ribeira Sacra como espazo de creación e encontro arredor da cultura”.

⚙ Configurar cookies
0.07025408744812