A artista Crystilandia expón en Chantada a mostra ‘Fuera de serie’

Este venres inaugurouse na Casa da Cultura de Chantada unha nova exposición de pintura da artista Crystilandia. A mostra que leva por título ‘Fuera de serie’ presenta, como explica a autora, a “mulleres surrealistas que buscan a plenitude rodeadas de naturezas vivas e fetiches; mulleres intuitivas e salvaxes, que adoran ás forzas da natureza, onde acadan o equilibrio; mulleres cheas de desexo de empoderamento, ou mulleres empoderaras cheas de desexo...”
Crystilandia chega á Ribeira Sacra a comezos dos 90 atraída pola necesidade de cohabitar coa natureza. O seu percorrido profesional lévaa polo deseño e a reciclaxe de mobiliario, a restauración de retablos e imaxes, a artesanía ou a decoración. Na actualidade céntrase na súa principal paixón, a pintura na que traballa acrílicos e pigmentos naturais, que nos seus tons máis intensos, crean un universo máxico-realista. A súa obra mestura o filosófico, o cómico e o ornamental, para dar unha visión onírica da realidade. “Fuera de serie” pode visitarse ata o día 30 de xuño.