A 36ª edición das Xornadas da Rota do Románico de Pantón arranca cun concerto de Peitoescuro este domingo

O Concello de Pantón presentou este venres a programación da 36ª edición das Xornadas da Rota do Románico, que se desenvolverán entre o 29 de xuño e o 30 de agosto con actividades culturais e musicais en distintos espazos do municipio. O acto tivo lugar na igrexa románica de San Miguel de Eiré e contou coa participación do alcalde, José Luis Álvarez; a concelleira de Cultura, Cristina Domínguez; a coordinadora das xornadas, Flora Enríquez; e a representante do VII Fest Clásico Ribeira Sacra, Luz Barriga.
A programación inclúe conferencias, concertos e presentacións de libros en escenarios como o Mosteiro cisterciense de Ferreira, a Casa da Cultura de Ferreira ou a igrexa de Santo Estevo de Atán. A primeira actividade será este sábado, 29 de xuño, cun concerto do grupo Peitoescuro c, ás 19:00 horas.
O 4 de xullo, a Casa da Cultura acollerá a presentación da reedición de ‘Cantigas e Cantos de Pantón’, de Manuel María, cun acto no que participarán Alberte Ansede, presidente da Fundación Manuel María, e o exalcalde José Manuel Ledo. A cita incluirá tamén música tradicional.
As conferencias retomaranse o 11 de xullo cun relatorio sobre Don Cruz Puente Ordax, alcalde de Pantón e veterano de Cuba, a cargo de Sergio Martínez Cotos. O día 18, no mesmo espazo, presentarase o VII Fest Clásico Ribeira Sacra e abrirase a exposición Ribeira Sacra Cultural, coa presenza do pintor Modesto Trigo.
A música volverá o 26 de xullo coa ‘XIII Sinfonía no Mosteiro’, a cargo da soprano Iria Folgado e un cuarteto de corda. A clausura será o 30 de agosto na igrexa de Santo Estevo de Atán cun concerto dun sexteto que interpretará obras de Kodaly e Brahms.
Todas as actividades son de entrada libre e gratuíta. Durante a presentación, o alcalde destacou o papel destas xornadas na valorización do patrimonio local, recordando que Pantón foi pioneiro na recuperación do románico na provincia. Pola súa parte, Flora Enríquez subliñou a importancia de conservar non só os templos, senón tamén a paisaxe e a arquitectura popular, como parte esencial do patrimonio.
A Rota do Románico está organizada polo Concello de Pantón, coa colaboración da Deputación de Lugo e o Fest Clásico Ribeira Sacra.