641 veciños e veciñas de Monforte beneficiáronse do Plan Activa 2024-2025

RibeiraSacraXa
A cifra supón 116 beneficiarios máis con respecto á edición anterior
tome-plan-activa-monforte
19 Jun 2025

O Concello de Monforte de Lemos clausurou esta semana o Programa Activa 2024-2025, unha iniciativa de ocio e tempo libre dirixida á veciñanza, especialmente ás persoas maiores, que nesta edición contou cun total de 641 participantes, 116 máis que na anterior.

O acto de peche contou coa presenza do alcalde, José Tomé Roca; da primeira tenente de alcalde, Gloria Prada; do concelleiro de Servizos, José Luis Losada; e da coordinadora de Servizos Sociais, Luz Méndez Castro. A cita celebrouse no Centro Cívico da cidade, un dos principais escenarios do programa xunto coas parroquias do municipio.

Durante a súa intervención, o alcalde expresou a súa satisfacción pola acollida da iniciativa. “Para min, como alcalde, é unha enorme satisfacción celebralo porque é un dos principais compromisos adquiridos por min, consciente da necesidade que teñen os nosos veciños e veciñas, especialmente os máis maiores, de sentirse útiles e activos”, sinalou.

O Programa Activa, promovido polo Goberno local, desenvolve ao longo de oito meses un amplo abano de actividades orientadas a fomentar o envellecemento activo, a aprendizaxe de novos coñecementos, a vida saudable e a creación de lazos interxeracionais. Esta edición contou con 28 actividades diferentes que se repartiron entre o Centro Cívico e as parroquias.

No total, participaron 15 grupos no Centro Cívico, con 437 persoas (75 máis que en 2023-2024, un incremento do 17%) e 13 grupos nas parroquias, con 204 persoas (42 máis que na edición anterior, un 26% máis). Actividades como taichi e cerámica tiveron unha acollida especialmente positiva, e moitos participantes solicitaron que continúen nas vindeiras edicións.

Todas as actividades foron gratuítas e subvencionadas ao 100% polo Concello.

Para avaliar o impacto do programa, realizouse unha enquisa entre o alumnado. Participaron 332 persoas e os resultados foron moi positivos: o 98% valorou as actividades como excelentes ou axeitadas, mentres que o 99% fixo a mesma valoración sobre os monitores.

Segundo recolle a enquisa, os usuarios destacaron melloras no seu estado de ánimo, unha maior sensación de actividade e o reforzo do compañeirismo e das relacións sociais.
O rexedor afirmou que se cumpre así o obxectivo principal: “Promover un envellecemento activo a través dos aspectos físico, emocional e das relacións sociais”. Tamén anunciou que o programa volverá en outubro e se manterá ata xuño de 2026.

Ao peche do acto, o alcalde agradeceu a participación dos 641 usuarios e felicitou á coordinadora de Servizos Sociais e ao equipo implicado na organización. “Síntome moi satisfeito de cumprir unha vez máis coa palabra dada de coidar e protexer a esta parte tan importante da nosa sociedade”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.16174292564392