Xuntos por Lugo convoca unha concentración en Sober polo mal estado da N-120

RibeiraSacraXa
Será este sábado ás 11:00 horas no Campo da feira de Canaval
n-120-quiroga
27 Feb 2026

A asociación veciñal Xuntos por Lugo anunciou a convocatoria dunha concentración de protesta este sábado 28 de febreiro, ás 11:00 horas no Campo da feira de Canaval (Sober), diante do estado “ruinoso e perigoso” que presenta a estrada Nacional 120, que conecta Lugo con Ourense.

O colectivo veciñal explica que a mobilización busca esixir ao Ministerio de Transportes e ao Goberno do Estado o arranxo integral e urxente desta vía, seguindo o exemplo das protestas recentes pola estrada Nacional 540. Segundo Xuntos por Lugo, a N-120 sofre un “abandono histórico” e o seu estado actual representa un risco constante para a seguridade viaria dos miles de usuarios diarios.

Baixo o lema “N-120: Estrada en ruínas. Solucións xa!”, a asociación fai un chamamento á participación de veciños, transportistas e calquera persoa afectada pola situación, coa intención de visibilizar a necesidade de actuacións inmediatas e denunciar o que consideran un “esquecemento sistemático das infraestruturas lucenses” por parte das administracións centrais.

A concentración terá lugar fronte aos tramos máis deteriorados da vía, e Xuntos por Lugo anima a todos os lucenses a sumarse para que a súa voz sexa escoitada polas autoridades competentes.

0.14009308815002