Xunqueira de Espadanedo acollerá este domingo un concerto solidario en apoio aos gandeiros afectados polos lumes


O próximo domingo 28 de setembro, o Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo acollerá un concerto solidario co obxectivo de apoiar aos gandeiros e gandeiras da zona que sufriron perdas durante os incendios que arrasaron Galicia o pasado 11 de agosto.
Organizado pola asociación Os Xuncos, o evento reunirá diferentes grupos e bandas de música tradicional nun mesmo escenario para transmitir esperanza e acompañamento. “A música acompaña, arroupa e tamén cura. Por iso queremos estar ao carón dos nosos gandeiros e gandeiras e recadar fondos que lles axuden a levantarse”, explican os organizadores.
Entre os grupos que participarán atópanse Os Trabazos (Castro Caldelas), Ruxideiras e Ailá Tarambaina (Arnuide, Vilar de Barrio), a Banda de Gaitas de Esgos, representantes de Os Trintas de Trives e Maceda, Aturuxo do Cenza (Vilariño de Conso), O Lobo da Xente (Xinzo de Limia) e a banda de gaitas Os Xuncos e Xunquereteiras de Xunqueira de Espadanedo.
As entradas teñen un prezo de 5 euros e poden adquirirse en Xunqueira na Farmacia, Bar Mosteiro, Bar Muiño e A Tasquiña, e en Maceda en Mioco e Marligo. Tamén se poderán mercar a través dos propios músicos participantes. Todo o recadado destinarase íntegramente aos gandeiros afectados polos incendios.
O concerto é unha oportunidade para unir música e solidariedade e amosar apoio a quen o perdeu todo no lume, devolvendo esperanza á comunidade rural.
