Xornadas sobre prevención de riscos laborais no sector agropecuario en Monforte

RibeiraSacraXa
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria ten previsto celebrar xornadas sobre prevención de riscos laborais no sector agropecuario.
monforte vista
17 Nov 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ten previsto celebrar ata cinco xornadas sobre prevención de riscos laborais no sector agropecuario que se desenvolverán no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos. Xa hai arredor dun cento de asistentes confirmados para estas accións que están programadas do luns 22 ao venres 26 de novembro, en horario de 10,00 a 14,00 horas.

Así, ao longo de catro horas de formación, o obxectivo é proporcionar tanto aos traballadores do sector agrario como aos que teñen intención de incorporarse os coñecementos básicos en materia de prevención de riscos laborais, coa finalidade de fomentar a adquisición de habilidades e unha cultura preventiva para diminuír os accidentes laborais neste tipo de actividades.

Así, o programa arrancará cunha pequena introdución á prevención de riscos e cun repaso á lexislación relacionada, para logo abordar os riscos e medidas preventivas xerais e específicas na agricultura e na gandería, as actuacións en caso de emerxencias e o recoñecemento e uso de equipos de protección individual para a aplicación de produtos fitosanitarios. Por último, os asistentes desprazaranse á explotación do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte para levar a cabo unha análise de riscos.

Cómpre apuntar que estas accións están dirixidas en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18987607955933