Xornada sobre agricultura orgánica no Centro Agroforestal de Monforte
O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos acollerá o vindeiro martes 31 de maio de 10.00 a 14.15 horas unha xornada sobre técnicas de agricultura orgánica aplicadas á fruticultura e outros cultivos organizada pola Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.
O eixe central desta formación é a sustentabilidade e a resiliencia do medio rural, así como a rexeneración de terras pola súa relación coa saúde dos cultivos. Así, mostrarase a importancia da agricultura orgánica tentando que os asistentes entendan e compartan a interacción entre técnicas e prácticas sustentables co desenvolvemento, non só das súas producións, senón tamén da súa contorna.
Así, o programa formativo iniciarase tratando a saúde do solo e a teoría da trofobiose, seguindo co repouso vexetativo e os caldos minerais e a poda e os tratamentos cicatrizantes. Seguidamente, falarase da elaboración de caldo sulfocálcico e de biofertilizantes, para rematar cunha receita de microorganismos.
ASISTENTES
Esta iniciativa está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.
PREINSCRICIÓN
Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina poden atoparse os referidos cursos e descargar as solicitudes de preinscrición correspondentes, que deben remitirse cubertas en calquera dos casos ao enderezo electrónico ceca.monforte@edu.xunta.gal. Os interesados en obter información adicional poden chamar ao teléfono 982 889 103.