Xornada informativa este mércores en Monforte sobre as novas liñas de axudas do Igape
A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) organizan este mércores en Monforte, no marco das actividades das Oficinas Conecta Lugo, unha xornada informativa sobre as novas liñas de axudas do Igape para empresas, pemes e micropemes galegas.
Máis concretamente, informarase das axudas á dixitalización Industria 4.0, dos apoios á implantación de solucións avanzadas de loxística e dos apoios á implantación de solucións avanzadas para o desenvolvemento da economía circular.
A xornada, que terá lugar en formato presencial no centro cívico de Monforte de Lemos (Paseo do Malecón, s/n) o vindeiro día 24 de agosto, mércores, a partir das 12.30 horas, contará coa intervención de Eladio Otero, subdirector de Desenvolvemento de Negocio do Igape. Tamén está prevista a posibilidade de asistencia online.
As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición, que pode tramitarse na páxina web da CEL, http://www.cel.es, ou chamando ao 982 23 11 50.