Xornada de portas abertas na Casa do Maior de Folgoso do Courel
A Casa do Maior de Folgoso do Courel organiza dúas xornadas de portas abertas, o xoves 13 e o venres 14 de 10.00 a 12.00 horas para aqueles veciños que queiran achegarse a coñecer as instalacións e os servizos que ofertan.
As Casas do Maior son pequenos centros de día que permiten que os municipios que non contan con este tipo de servizo poidan ofrecer terapias e actividades aos maiores dentro da súa contorna.
Sandra Arza é a encargada de atender a Casa do Maior de Folgoso do Courel, que ten as súas instalacións nun dos laterais da Casa do Concello.
A Casa do Maior contará con cinco prazas, que poden ser solicitadas polas persoas interesadas no servizo, sempre que sexan maiores de 60 anos, válidas ou coa dependencia recoñecida en grao I ou II.
As persoas interesadas poden obter máis información chamando ao Concello de Folgoso do Courel.