Xavier Blanco e Martina Ferradás, da Fundación Legar, actuarán en Fitur da man do Xeoparque Montañas do Courel
Xavier Blanco e Martina Ferradás, da Fundación Legar, farán unha actuación este venres, 25 de xaneiro, na Feira Internacional de Turismo (Fitur 2025) que se está a celebrar en Madrid. Ambos acompañarán aos representantes do Xeoparque Montañas do Courel durante a súa presentación nesta importante cita de promoción do turismo.
Xavier Blanco, herdeiro da tradición familiar dos "Soledás", é un referente na música tradicional galega. Dende neno estivo inmerso no folclore da súa terra, asumindo o compromiso de recompilar, preservar e difundir os coñecementos e expresións musicais que conforman a identidade cultural de Galicia.
Con máis de 40 anos dedicados a percorrer as aldeas e parroquias galegas, gravou e catalogou un vasto arquivo sonoro, rescatando músicas e danzas tradicionais que, en moitos casos, atopábanse ao bordo do esquecemento. Blanco posúe unha das coleccións máis completas de instrumentos tradicionais galegos, con máis de 900 pezas clasificadas segundo as súas características físicas, tímbricas e funcionais. Ademais, é un artesán que constrúe e restaura instrumentos empregando técnicas ancestrais e materiais sostibles, respectando a sabedoría popular e o medio ambiente.
A súa contribución á música tradicional reflíctese nunha discografía de cinco traballos: A gaita de cana de Moaña, Instrumentos Pobres, Gaitas Troncais, Lei Natural e Fun ó canaval. Tamén produciu documentais como Lei Natural, Fun ó canaval e Os Botiforas, xunto con participacións destacadas en programas da televisión galega como Alalá.
Recoñecido como un auténtico "Mestre da Memoria" pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, foi galardoado co XIX Premio "IAR" de Folclore Galego, consolidándose como unha figura clave na conservación e promoción da música de raíz galega.
Pola súa banda, Martina Ferradás leva ligada ao mundo do folclore dende ben nena. Baila e toca múltiples instrumentos, como a gaita, a pandeireta, o tambor, o pandeiro e múltiples instrumentos de música de raíz.
O XEOPARQUE EN FITUR
O Xeoparque estará situado no stand da Rede Española de Xeoparques Mundiais (REXM) e estará acompañado polo outro xeoparque galego, o de Cabo Ortegal. Durante esta presentación, o xeoparque destacará os seus principais recursos dirixidos a un turismo alternativo, afastado da masificación e respectuoso co medio ambiente, en liña coa filosofía coa que a UNESCO creou a figura dos Xeoparques Mundiais.
As delegacións dos xeoparques de Cabo Ortegal e Montañas do Courel aproveitarán a ocasión para manter unha reunión na que compartirán experiencias e preocupacións, e tratarán de establecer liñas de colaboración futuras. Ambos territorios, un na montaña lucense e o outro na costa norte da Coruña, consideran que, debido ao seu carácter complementario, afondar na cooperación permitirá aproveitar mellor o seu gran potencial, non só no ámbito turístico, senón tamén na educación e divulgación científica e ambiental.