Xabier Quiroga presenta 'O baile dos estorniños' no Círculo Saviñao
O vindeiro luns, 16 de xaneiro, terá lugar a presentación do último libro de Xabier Quiroga, 'O baile dos estorniños' a partir das 19.00 horas.
Neste evento, organizado por Círculo Saviñao, participará tamén Fran Alonso, director de Edicións Xerais.
'O baile dos estorniños'
Concibida como remate da Triloxía da Ribeira Sacra, 'O baile dos estorniños' fusiona unha investigación actual, a cargo do escritor e dunha personaxe con alma de detective, o Reina, cunha escura e sorprendente trama do pasado.
Na historia mestúrase a decadencia dunha familia fidalga (e a vida de criados, labregos e veciños que traballan arredor do pazo) coa persecución das partidas de fuxidos do sur de Lugo, o roubo de bebés e a represión do franquismo durante a Guerra Civil e a posguerra.
Combina tamén realidade e ficción no espazo épico da Ribeira Sacra (centrado esta vez no pazo de Tor, e co lugar de Albaredo, o mosteiro das Bernardas e o pantano de Bouzuás como elementos destacados).