Xa se realizan os preparativos en Monforte para a Volta Ciclista España

RibeiraSacraXa
Infórmase sobre o dispositivo de tráfico que se desenvolverá na cidade do Cabe con motivo da chegada de A Volta Ciclista a España.
copa espana ciclismo adaptado viveiro 2
31 Ago 2021

Infórmase sobre o dispositivo de tráfico que se desenvolverá na cidade do Cabe con motivo da chegada de A Volta Ciclista a España o vindeiro venres 3 de setembro, no que a cidade será final da 19ª etapa desta competición.

Por este motivo, o equipo de Goberno e a Policía Local, en coordinación cos responsables de La Vuelta, “levamos un tempo traballando no deseño dun dispositivo de tráfico que permita o axeitado transcurso da carreira por diversas rúas de Monforte, ata a chegada a meta, diante dos Escolapios, á altura da plazuela diante do Bar Cristal” sinalan.

Ademais de dar a coñecer este dispositivo á cidadanía en xeral a través dos medios de comunicación e das redes sociais e páxina web do Concello, dende o día de mañá, tanto os veciños e as veciñas como os propietarios dos establecementos e locais comerciais das rúas afectadas polo paso do pelotón ciclista, serán informados a través dunha carta asinada polo Alcalde e tamén a través das correspondentes sinais de prohibición de aparcar.

Supresión de estacionamentos

O estacionamento quedará suprimido o xoves día 2 de setembro todo o día e toda a noite e o venres día 3 de setembro todo o día ata a finalización da carreira, que se prevé sobre as 18:30 horas, en todas as vías de paso da proba: R/Morín,  R/Dr. Casares ata cruce de R/San Pedro, Rolda María Emilia Casas Baamonde, R/Chantada, Avenida de Galicia, R/Celso Emilio Ferreiro e  R/Escultor Francisco Moure.

Do mesmo xeito, non se poderá aparcar dende o día 2 nas rúas que albergarán as instalacións de meta: R/Compañía, Paseo de Lugo, R/Dalmiro de la Válgoma e R/Sarria.

Tampouco poderán ser utilizados polos usuarios no citado período de tempo os estacionamentos públicos da rúa Sarria e do Parque dos Condes.

Para suplir esta falta excepcional de estacionamentos no centro da cidade, o Concello habilitará unha finca particular, logo de obter a colaboración e o permiso do seu propietario, ubicada na rúa Francisco Moure, unha vez atravesado o paso a nivel do tren á esquerda, destinada a que veciños e visitantes poidan utilizala como aparcamento alternativo mentres se manteñan as supresións de estacionamento sinaladas. O tamaño da finca é similar ó do estacionamento do Parque dos Condes.

Cortes de tráfico

O tráfico rodado cortarase o venres día 3 de setembro progresivamente nas rúas afectadas, desde as 00:00 (12 da noite), as 14:00 e as 16:00 horas, ata a finalización da carreira. Isto suporá, que durante os horarios de corte de tráfico, non se poderá facer uso dos garaxes das rúas afectadas por parte dos seus propietarios.

En concreto, estarán cortadas as diferentes rúas afectadas nos seguintes horarios, dende o propio venres día 3:

Desde as 00:00  horas ata a finalización da carreira, que se prevé sobre as 18:30  h., nas rúas Compañía, Escultor  Francisco Moure,  Dalmiro de la  Válgoma, Paseo de Lugo e Sarria.

Desde as 14:00  horas ata a finalización da carreira, nas rúas Avenida de Galicia (desde cruce con Roberto Baamonde) e Celso Emilio Ferreiro e naquelas cuxo acceso de entrada ou saída realícese mediante conexión coas mesmas (R/Mallodadas,  R/Poeta Lois Pereiro e  R/Miguel de Cervantes).

Desde as 16:00  horas ata a finalización da carreira, nas rúas Morín, Doutor Casares, Circunvalación, Chantada, e o tramo da Avenida de Galicia ata Roberto Baamonde, e naquelas cuxo acceso de entrada ou saída realícese mediante conexión coas mesmas (R/Saviñao,  R/Veiguiña,  R/Rof  Codina,  R/Hortas,  R/Cardeal,  R/Roberto Baamonde e  R/Conde).

Todos os horarios sinalados poden verse suxeitos a pequenas modificacións en función do desenvolvemento da etapa (se por exemplo ven adiantada ou retrasada en función do horario estimado de chegada) e das necesidades que se poidan prantexar dende a organización de La Vuelta.

0.18120908737183