Xa se poden solicitar axudas para contratar alumnado do Obradoiro dual de Emprego de Monforte

RibeiraSacraXa
Son axudas de 1.500 euros para fomentar a contratación de alumnos dos módulos de carpintería e de albanelaría do Obradoiro Dual de Emprego 'Rehabilitación Naves Escola Obradoiro A Pinguela'
obradoiro-de-emprego-A-Pinguela-Monforte
22 Out 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que xa se poden solicitar ás axudas para a contratación de alumnos e alumnas dos módulos de carpintería e de albanelaría do Obradoiro dual de Emprego 'Rehabilitación Naves Escola Obradoiro A Pinguela', logo de que saíra publicada a convocatoria das mesmas no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Todas as empresas interesadas en solicitar estas axudas terán 30 días naturais de prazo ata o 20 de novembro para formalizar as súas solicitudes. Trátase de axudas de 1.500 euros destinadas fomentar a contratación por parte de empresas de alumnos e alumnas dos módulos de carpintería e de albanelaría, que participaron no Obradoiro Dual de Emprego 'Rehabilitación Naves Escola Obradoiro A Pinguela' do Concello de Monforte, e que rematarán a súa formación o vindeiro 21 de novembro de 2024.

Para poder recibir estas axudas, as empresas deberán formalizar os contratos cos alumnos e os contratos deberán ser de alomenos 3 meses a xornada completa. Os contratos subvencionados deberán comezar con carácter xeral nos quince días seguintes á finalización do Obradoiro Dual de Emprego.

A estas axudas poderán optar entidades, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, cuxa actividade estea directamente relacionada coa formación impartida nos obradoiros duais de emprego, e que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea para prestar servizos en centros de traballo radicados en Galicia.

“Deste xeito, dende o Equipo de Goberno do Concello, dentro das nosas políticas sociais e económicas, seguimos fomentando a creación de emprego, e neste caso, para facilitar a incorporación ó mercado laboral dos alumnos que veñen de formarse no Obradoiro de Emprego da Pinguela, onde os alumnos recibiron unha interesante formación durante doce meses en dúas especialidades, carpintería e albanelaría", sostivo Tomé.

0.2937331199646